|
ALGUNHAS
DAS OBSERVACIÓNS EFECTUADAS
NA
VISITA DO 05-04-2008
|
A Valga é un
enclave natural da comarca do Baixo Miño cun territorio repartido
entre os concellos de O Rosal e de Oia que forma parte do complexo
natural da Serra da Grova.
Parte deste enclave é un humedal
de montaña discorrendo por el varios regatos, a veces de xeito
superficial, que permiten parcialmente o asolagamento de
amplas zonas na maior parte do ano chegando algunhas delas a
permanecer, en maior ou medida, encharcadas todo o ano. O resto
da superficie conforma un terreo de suaves lomas que, cara ó oeste,
acaban en pendentes bastante pronunciadas. Na superficie da zona non
asolagada, predominan os piñeiros de repoboación, con talas que se
suceden cada certo número de anos. Este enclave está
proposto para a súa inclusión na Rede Natura 2000, aínda que non
entendemos moi ben como é que a estas alturas aínda non se incluíra
na mesma, xunto co resto da Serra da Grova.
A visita efectuada o día 5 de
abril tiña por obxecto recoller información da flora e fauna do
lugar e ver o estado dos regatos e da área que habitualmente
permanece asolagada, dada a escaseza de precipitacións
habidas nesta tempada outono/inverno. Visitamos tres cuadrículas (véxase o mapa na
parte inferior) onde prestamos especial
atención á presencia de anfibios en primeiro lugar e de réptiles
en segundo lugar, anotando de paso as demais especies que
observamos. Lembramos que A Valga tal vez sexa a área
herpetolóxica máis importante do Baixo Miño, sendo esta unha das
razóns que nos moven a interesarnos por esta paraxe.
Adicamos arredor de
tres horas ao traballo de campo nun espléndido día soleado e de
temperatura agradable o que nos permitiu levar a cabo os traballos
de campo sen agobios. Conseguimos anotar 13 especies de vertebrados,
superando a nosa meta que marcamos nun mínimo de 12 anotacións,
polo que quedamos satisfeitos ao superar esa marca, mais aínda se
temos en conta que desta vez deixamos bastante de lado ás aves.
Da Ch.
lusitanica conseguimos ver tres exemplares, dous deles no mesmo
lugar e os tres baixo troncos tirados no chan. Lagartas foron
varias as observadas pero soamente fotografamos tres delas, dúas
das cales eran Bocagei e unha Hispanica. A iso das
19:30 escoitamos por primeira vez nesta tempada o canto do cuco, que
sonou preto de nós, inundando todo o entorno co seu cu-cu.
Como sempre,
os sons da natureza vense interrompidos de cando en vez polos
vehículos a motor (quads e motos fundamentalmente) que utilizan
estes enclaves naturais facendo ruxir os motores e levantando
polvareda, todo iso dice ben pouco a favor dos que utilizan estes
artiluxios.
A chuvia, que dende inicios
da primavera leva caído -agás nesta última semana-, propiciou que os regatos leven auga
suficiente e a chaira estea parcialmente asolagada polo que temos
que andar con precaución para evitar enchouparnos na lama.
|