|
| |
IR A FAUNA
ATROPELADA I
IR A FAUNA
ATROPELADA 2
|
CONSELLOS PARA FOTOGRAFAR (2)
Cando non
sexamos capaces de identificar o animal atropelado, convén sacar
suficientes fotografías dende varios ángulos, tal vez unha pata, un
peteiro, a cor dalgunha pluma, a forma dos dedos, etc, poda ser suficiente
para recoñecer ao animal en cuestión.

Vísceras e plumas
forman unha masa que as veces non permiten recoñecer claramente de qué
ave se trata. Neste caso fotografar o peteiro foi un acerto, pois xunto
coas plumas negras permite saber que se trata dun merlo.

Os anfibios, como
sapos e píntegas aproveitan a humidade e a noite para saír dos seus
acubillos, sempre que a temperatura non sexa moi baixa. Probablemente son
milleiros os anfibios que sucumben víctimas do tráfico nas estradas do
Baixo Miño.

Restos de pel dun
sapo común (Bufo bufo). As berrugas, a cor, e unha observación
detallada permite recoñecer con precisión a especie.
MORCEGOS.
Para
a identificación destes curiosos mamíferos contamos coa colaboración de
David Álvarez Graña, un verdadeiro experto en morcegos e tamén membro
do grupo de anelamento Anduriña. Para estes animais é importantísimo
fotografar a faciana e as orellas (o tamaño é importante; se non é
posible reflectir a forma do trago na foto, apuntar a súa forma [rematado
en punta, redondeado, en forma de ril, etc.], e a lonxitude con respecto
ó pavillón da orella). Se é posible medir o antebrazo, sería un dato
moi importante. Tamén é importante a: referencia xeral de tamaño,
aspecto e cor da pelaxe, etc. Sempre que sexa posible, é bo abrirlle as
ás para fotografalas, xa que o ancho da á tamén poder axudar a
identificar algunhas especies. Aínda así, habería especies que non
poderían ser identificadas, a menos que se lle fixera un estudo morfométrico
máis profundo, para o cal sería necesario conservar (conxelar) os
exemplares que non estean moi "desfeitos ou esmagados". Noutros
casos, hai especies que son realmente
moi difíciles de distinguir (especies crípticas), como
acontece, por exemplo, para as dúas especies do xénero Pipistrellus.
De feito, ate hai ben pouco, considerábanse unha mesma especie. O máis
doado sería poder estudar os ultrasóns que emiten para poder
distinguilas.
|
|
CONSELLOS
PARA FACER BOAS FOTOS AOS VERTEBRADOS QUE NON SABEMOS IDENTIFICAR
Moitas
veces non somos quén de identificar a especie á que pertence o
vertebrado que atopamos atropelado na estrada. Neses casos, se é posible,
sería moi recomendable facerlle unhas fotos que poidan ser utilizadas por
outras persoas que colaboran con nós neste proxecto para tentar
identificar qué especie é. Hai moitos detalles que poden ser de
utilidade, algúns deles dependentes do grupo de vertebrados que se trate.
Un dos aspectos importantes é poder estimar o tamaño do animal
atropelado, para iso é necesario ter unha referencia (incluír na foto
unha moeda, unha chave, teléfono móbil, etc., é dicir, calquera cousa
que teña un tamaño definido que nos sirva de referencia).
A continuación indicamos algunhas das características que poden axudar a
identificar os rexistros.
Aves.
Sempre
convén engadir, sobre todo ás que están en peor estado, unha referencia
de tamaño (poñer unha moeda xunto ao tarso ou a cola e fotografar na
perpendicular á estrada). Os peteiros e patas aportan moitas veces os
datos necesarios polo que si están ben é bo que se vexan
claramente.
Normalmente
as plumas "grandes" (das ás e cola) non dan información (solen
ser de cor uniforme). Polo tanto, débense fotografar as que teñan cores,
manchas, etc., incluíndo os detalles da cabeza, lombo e peito; así mesmo,
se algunha á, rectrices ou outras partes están en bo estado sería bo
ter fotos dos dous lados.
Tamén
é importante a data (como para os demais rexistros), pois axuda coas
idades das aves e descarta aves estivais, invernantes, etc. Exemplo: sería
case imposible atopar unha andoriña en decembro ou un bisbita común en
xullo.
O
hábitat das proximidades tamén pode axudar e así como calquera outra
cousa que chame a atención, como por exemplo: patas longas, garras,
peteiro fino ou groso, rectrices longas en proporción, etc.
Estes
son algúns dos consellos que nos deron dúas das persoas que nos están
axudando a identificar boa parte das aves atropeladas nas estradas do
Baixo Miño: Antonio Fernández Cordeiro e Emilio Martínez Sabarís,
ambos son membros do grupo de anelamento Anduriña de Pontevedra.
A
identificación dos vertebrados atropelados pode ser dificultosa en
demasía, por iso, as fotografías poden resultar de excepcional axuda
para determinar a especie.

1
. Passer domesticus, polas patas, rectrices, Covertoras
primarias.

2. Motacilla
alba, polas rectrices (coloración e tamaño) e coloración xeral
do bicho.

3.
Turdus merula ,macho, polo peteiro e coloración xeral.
|
|
Actualizado o 25-01-2008 |
|
Os quince primeiros días de xaneiro, trouxeron auga. Abondosa e benvida
auga. Tan necesaria para uns e para outros. Os anfibios aproveotaron para
saír dos seus acubillos na procura de parella e cumplir así cunha parte
máis do seu ciclo vital: a reproducción. Pero iso trouxo tamén
desastrosas consecuencias para moitos individuos. A mortandade de
exemplares nas estradas baixomiñotas tivo que ser impresionante. Por
exemplo nun tramo duns 300 metros na estrada de Camposancos (A Guarda)
contamos máis de 20 píntegas (Salamandra salamandra). E en
Tomiño tamén nun curto tramo, foron contabilizados máis de 30 sapos
comúns (Bufo bufo) ou en Guillarei (Tui).

As
veces os exemplares apenas poden recoñerse e, na meirande parte dos
casos, o seu aspecto non é nada agradable.

Os
anfibios atropelados, como esta píntega, desaparecerán en poucas horas
do lugar do atropelo. Corvos, paso de coches, etc, acabarán cos restos
dos animais, por iso, para tomar nota dos mesmos é convinte facelo pola
mañanciña.
|
|
Actualizado o 14-01-2008 |
|
Como
colaborar no proxecto:
En
realidade é moi sinxelo, só necesitamos que as persoas que queiran
botarnos unha man nos envíen os seguintes datos para cada rexistro:
animal
atropelado, data e lugar (o mais concreto posible) do atropelo. Se é
posible, tamén algunha fotografía e coordenadas UTM.
En
canto ao animal atropelado, o mellor e aportar a especie a que pertence,
senón, alomenos o grupo ao que pertence (mamífero, ave, réptil ou
anfibio), tendo en conta que, se é posible, sempre é mellor facerlle
unhas fotos ao animal completo e a aqueles detalles que poidan axudar
a identificar a especie. Sobre todo para os paxaros, tamén pode ser de
interese incluír nalgunha foto un obxecto de tamaño coñecido (como unha
moeda, un lapis, unha chave, un teléfono móbil, etc.) para ter unha
referencia do tamaño do animal atropelado, dato que en moitos casos é
fundamental para a súa clasificación. Ademais, un par de fotos nas dúas
direccións da estrada na que foi atropelado serven para identificar
con precisión o lugar onde foi atropelado. Outra posibilidade de
localizar o lugar do atropelo é indicando as coordenadas UTM (cando sexa
posible) ou sinalando a súa posición nunha foto aérea da zona; ditas
fotos pódense obter dende o visor SIXPAC da Xunta de Galicia no seguinte
enderezo de internet: http://www.xunta.es/visor/.
Se alguén necesita algún consello de como obtelas fotos ou as
coordenadas UTM, que se poña en contacto con nos, e lle facilitaremos as
instruccións detalladas para facelo. Animamos, pois, a todas aquelas
persoas interesadas nos aspectos ecolóxicos e medioambientais do Baixo Miño
a participar neste proxecto (por exemplo, hai moitas persoas que tódolos
días percorren varios quilómetros das nosas estradas para facer
exercicio e que poderían ser de gran axuda se anotaran os animais
atropelados que atopan e nos informaran). Cantos mais sexamos, mais
realistas serán os datos obtidos, e polo tanto mellores serán tamén as
conclusións ou as medidas que se puideran adoitar da análise dos
resultados. Se queres axudar, podes ver de seguido unha plantilla modelo
onde anotar cada un dos rexistros que atopes.
PLANTILLA
|
Nº
|
ESPECIE
|
DATA
|
LUGAR
|
UTM
|
COLABORADOR/A
|
FOTOGRAFÍA/
OUTROS
DATOS
|
|
Exemplo
|
Píntega
(Salamandra salamandra)
|
06-01-08
|
Cerca eirado de Pedornes (enfronte cabanón de Rosalía).
|
X: 510250
Y: 652050
|
Maribel Diego Pombal
|
Fotografada
|
|
1
|
|
|
|
|
|
|
|
2
|
|
|
|
|
|
|
|
|
Actualizado o 25-12-2007 |
|
A
visión non resulta moi agradable pero é o que hai.
As
manchas amarelas axúdannos a identificar perfectamente de que animal se
trata.
Aínda que levamos un outono escaso de chuvias, cando estas fan acto de
presencia, como aconteceu a noite entre o 8 e 9 de decembro, as píntegas saen do seu acubillo e un bo número delas van dereitiñas
ás estradas.
Nun percorrido duns 200 metros que fixemos en Camposancos o día 9 pola
mañán, entre o cemiterio e a estrada de subida da praia do Muíño,
localizamos 4 exemplares que foron atropelados durante a noite pasada.
Isto é unha pequena mostra do que ocorreu noutras estradas da comarca e
do cal non temos dato ningún. Por iso, porque este estudio que estamos
a levar a cabo coordinado polo socio Manuel A. Pombal, é de enorme
importancia para coñecer importantes aspectos da nosa fauna en relación
cos atropelos e, aínda, coa mobilidade e comportamento das diferentes
especies, pedimos novamente a colaboración dos socios e da poboación en
xeral para que nos envíe información dos animais que sucumbiron por
atropelo. En principio nos vale con que nos digan que clase de animal é
así como o lugar no que foi observado, pero se é posible agradecemos
tamén fotografías tanto do animal como unha vista xeral da zona onde se
produciu o atropelo.

Vista
parcial do tramos onde se localizaron os catro exemplares atropelados, na
estrada de Camposancos.
|
|
Actualizado o 04-12-2007 |
|

Manuel Angel Pombal, "Peque", decidiu non só ser membro de
ANABAM, senón tamén traballar activamente na mesma. El é o impulsor e
verdadeiro artífice do estudo que estamos desenvolvendo en relación á
fauna silvestre atropelada do Baixo Miño. Cando aínda non se cumpliu un
ano dende a posta en marcha deste proxecto, gracias a Peque xa
contamos con máis de 250 rexistros o que nos permite ter algunha idea do
que acontece coas diferentes especies silvestres que cruzan a estrada Oia-A
Guarda-Tui, que é onde se está a recoller o maior número de datos.
Agardamos que os nosos socios, e cantas persoas desexen, colaboren neste
proxecto e nos envíen datos da fauna atropelada, pois estamos seguros que
de cando en vez, todos pasamos por algunha estrada da comarca onde algún
destes animais sufriu un atropelo e seu corpo xace no asfalto.
En fin, Peque pasa dende este mes de decembro a ser o coordinador
responsable desta sección, encargándose do tratamento e estudo dos
datos que vaian chegando.
Un
coello recén atropelado fotografado por
por
M.A. Pombal
Serpe
na estrada de Mougás, tamén fotografado por Manuel A. Pombal.
SE
OBSERVAS ALGÚN ANIMAL SILVESTRE ATROPELADO, POR
FAVOR ENVÍANOS UN E-MAIL INDICANDO TÓDOLOS DATOS QUE PODAS CO
FIN DE INCLUILO NO NOSO ESTUDO. GRACIÑAS.
|
|
Actualizado o 15-01-2008 |
|

O
animal invadía parcialmente a estrada moi preto do río de Vilar, no
concello de Oia.
Os cabalos salvaxes da serra
da Groba tamén son víctimas ocasionais dos atropelos nas estradas do
Baixo Miño. Como herdanza dos monxes que habitaron no mosteiro
Cisterciense de Oia, na serra da Groba viven en liberdade un bo número (aínda
que descoñecido con precisión) de cabalos de raza galega. Cando a
climatoloxía é adversa, os cabalos soen baixar as zonas costeiras onde
lles é mais doado conseguir alimento, moitas veces entrando e causando
desfeitas en fincas particulares. Polo tanto, principalmente nos meses de
inverno, é doado atoparse con algún cabalo nas principais estradas da
costa, coa posibilidade de ser atropelado. No caso dos cabalos (e tamén
algún outro mamífero como o xabarín ou o raposo), debido a súa porte e
peso, poden causar graves danos materiais nos vehículos que os atropelan,
e incluso danos persoais. Aínda que recentemente se instalaron varios
quilómetros de valado para protexer as amplas zonas desbastadas polos
incendios do verán do 2006, é evidente que seguen baixando ata a estrada
nacional 550 (treito de Baiona a Guarda). O pasado sábado (12 de xaneiro)
pola mañanciña, na parroquia de Pedornes (concello de Oia) produciuse o
primeiro atropelo mortal dun cabalo do ano 2008. Agradecemos a Tina
Estebas de Viladesuso que nos informase do atropelo. O accidente
produciuse nas proximidades do río de Vilar, e o animal quedou na marxe
esquerda en dirección a Guarda, con parte das patas invadindo a estrada.
O lugar do atropelo estaba sinalado cun triángulo de perigo na marxe
dereita da estrada. Trátase dunha femia que ben podía estar preñada
debido ao gran tamaño da súa barriga e ao mes no que estamos (hai que
ter en conta que soen parir en maio-xuño coincidindo coa celebración dos
famosos curros que se celebran no concello de Oia nesas datas).
Aparentemente, levou un golpe na cabeza onde se podía observar unha
ferida aberta con sangue, aparte do sangue que lle saíu pola boca.
Quizais debido ao estres inmediato producido polo atropelo, presentaba
algunha herba na boca, ademais de "literalmente cagarse" no
mesmo sitio onde quedou morta. Non observamos ningún marco que puidera
identificar ao dono do animal posto que tiña o pelo moi grande. Alá polo
mediodía o animal xa fora retirado da estrada.

Nesta
foto obsérvase o gran tamaño da súa barriga, o cal é indicativo de que
debía de estar preñada.

Parte
do impacto debeu recibilo na cabeza.
|
|
Actualizado o 14-01-2008 |
|
Análise
dos atropelados do ano 2007.
Os
datos obtidos durante o pasado ano irémolos analizando dende diferentes
puntos de vista e os resultados irémolos incluíndo nas sucesivas
actualizacións desta páxina web. Hoxe aportamos unha primeira análise
incluíndo a súa distribución por grupos (mamíferos, aves, réptiles e
anfibios), así como por meses.
Distribución
dos rexistros por grupos.
Como
se pode apreciar nos seguintes gráficos (Figuras
1 e 2), mais da metade dos rexistros correspóndense con aves,
mentres que os anfibios son os que teñen menor representación. Estes
resultados teñen certa lóxica posto que as aves son, con diferencia os
vertebrados máis abundantes e que máis cruzan as estradas, sendo pois
mais vulnerables aos atropelos. No caso dos anfibios, hai que ter en conta
as particulares condicións metereolóxicas do 2007, con gran escaseza de
choivas, que dalgunha maneira reduciu a súa mobilidade e polo tanto a súa
sinestralidade. Cabe sinalar, ademais, que dos primeiros 4 meses do ano
2007 so temos un total de 15 rexistros (ningún en xaneiro, 3 en febreiro,
8 en marzo e 4 en abril; 13 son de mamíferos, un ave e un réptil). Como
é ben sabido, trátase de meses chuviosos polo que sería normal que
moitos anfibios sexan atropelados en ditos meses. De feito, nos poucos días
que levamos de xaneiro de 2008 xa temos moitos mais rexistros (máis ou
menos o triple) de anfibios atropelados que os rexistrados no 2007.

Distribución
dos rexistros por meses.
Como acabamos de indicar, dos 393
atropelados do 2007, so 15 foron rexistrados nos primeiros 4 meses, tempo
no que se puxo en marcha o proxecto e se foron incorporando os diferentes
colaboradores; polo tanto, nesta análise imos ter en conta soamente os
378 rexistros dos restantes 8 meses (de maio a decembro). Os datos obtidos
amósanse no seguintes gráficos (Figuras 3 a 7), onde destaca o elevado número
de rexistros do mes de decembro. O gran número de aves (72) xunto con
case a totalidade dos anfibios (15 dos 16 rexistrados no 2007) fan que os
rexistros de decembro sexan superiores a un cento. A media de atropelados
por mes é de 47,25 rexistros, o cal implica mais de 3 animais cada 2 días.
Tendo en conta os quilómetros de estrada abarcados no estudio, e pendente
dunha análise mais elaborada, tratase dunha media moi alta, alomenos
moito mais alta do agardado cando iniciamos o proxecto.




|
|
Actualizado o 08-10-2007 |
|
Gracias, fundamentalmente, ao labor desenvolvido por Manuel A. Pombal,
profesor na Universidade Viguesa, investigador e membro desta asociación,
xunto coas aportacións de Agustín Ferreira e Noé Ferreira, levamos rexistrados
case que 170 citas de animais silvestres
atropelados nas estradas do Baixo Miño. A maior parte destes datos
corresponden a estrada principal, a comarcal Oia-A Guarda-Tomiño-Tui. De contar con máis colaboración, seguramente esta
cantidade se multiplicaría cando menos por tres ou catro, permitindo
coñecer máis polo miudo os principais puntos conflictivos para a fauna e
a incidencia dos atropelos na mesma.
Os datos que temos rexistrados ata finais deste agosto pasado, danos o
seguinte resultado:
77
mamíferos
72
aves
20
réptiles
Agora,
cando empece o periodo de chuvias, o listado anterior se verá ampliado
polos anfibios, entre estes polas observacións efectuadas (aínda que non
rexistradas) en anos anteriores, a saramaganta común, seguido do sapos
(común e corriqueiro) ampliarán o número de exemplares que son
víctimas da circulación.
MAMÍFEROS:

Ourizo (Foto:
M.A. Pombal "Peque")
O
Ourizo segue cada vez máis destacándose entre tódalas especies que son
atropeladas, nada menos que temos 46 rexistros, moi lonxe do coello ou da
rata, ámbalas dúas especies con 9 rexistros.
|
| MAMÍFEROS |
CANTIDADE |
| Coello |
9 |
| Esquío |
1 |
| Garduña |
2 |
| Morcego |
1 |
| Ourizo |
46 |
| Raposa |
2 |
| Rata |
9 |
| Teixugo |
1 |
| Xabarín |
1 |
| Xeneta |
2 |
| Sen identificar |
3 |
|
|


AVES

Lavandeira
(Foto: M.A. Pombal "Peque")
No que respecta ás aves, o merlo ocupa o primeiro lugar, aínda que é
posible cambiar bastantes datos unha vez analicemos máis polo miudo as
fotografías das que están sen identificar.
|
| ESPECIE |
CANTIDADE |
| Andarríos |
1 |
| Curuxa |
1 |
| Gorrión |
4 |
| Lavandeira |
2 |
| Merlo |
6 |
| Pomba |
3 |
| Verderolo |
6 |
| Sen Identificar |
48 |
|
|


RÉPTILES

Cobregón (Foto:
Agustín Ferreira)
No que respecta aos réptiles, hai que destacar que case que o 50 % dos
atropelos corresponden á cobra de escada, sorpréndemos un pouco o escaso
número de lagarto arnal, pois sempre cremos que sería un dos réptiles
máis castigados.
|
| ESPECIE |
CANTIDADE |
| Cobra de escada |
9 |
| Cobregón |
5 |
| Lagarto arnal |
2 |
| Cobra sen ident. |
4 |
|
|


Nos
gustaría poder contar con máis colaboradores neste proxecto pois hai
moitas estradas da comarca baixomiñota, que sen esa colaboración é
imposible ter datos.
Lembramos que para os que desexen colaborar os datos mínimos que teñen
que tomar son os seguintes:
Clase de animal (se é posible a súa identificación mellor).
Lugar do atropello (canta máis precisión neste dato, moito mellor.
Podemos obter datos concretos acudindo ao SIGPAC: http://www.xunta.es/visor/).
Se temos posibilidade lle sacaremos varias fotografías (primeiros
planos) o que nos facilitará coñecer o seu estado, a confirmación da
especie e as veces o sexo. Ademais da ave, se tomará algún plano xeral
da zona na que se produciu o atropelo.
A partir de aí, tódolos demais datos que se nos poidan aportar son ben
recibidos xa que moitos deles nos poden axudar a sacar conclusións,
outros datos no futuro, etc.
Así que, dende aquí facemos un chamamento a socios e non socios para que
colaboen neste proxecto de FAUNA SILVESTRA ATROPELADA NO BAIXO MIÑO (Concellos
de Oia, O Rosal, A Guarda, Tomiño e Tui).
COLABORADORES: Agustín
Ferreira Lorenzo
Noé Ferreira Rodríguez
Manuel Angel Pombal
|
|
Actualizado o 04-06-2007 |
|
Dos datos que temos recollidos ata o de agora, correspondentes á fauna
silvestre atropelada nas estradas do Baixo Miño, máis do 57 %
corresponden a ourizos (Erinaceus europaeus) que se convirten,
deste xeito, na principal especie víctima da circulación.

Lagarto
arnal femia atropelado na baixada á praia do Muíño (Camposancos-A
Guarda). Obsérvese dous ovos ó seu carón. (Foto: Agustín Ferreira
Lorenzo-anabam; 04-06-2007)

Cobra
de escada (Elaphe scalaris) atropelada en Sanxián (O Rosal)
estrada A Guarda-Oia. (Foto: Manuel A. Pombal-anabam; 21-05-2007)

Cobregón
(Malpolon monspessulanus) na estrada de Camposancos, fronte á baixada á
praia de Muiño (05-06-2007).

Restos
dun ourizo cacheiro (Erinaceus europaeus) na estrada A Guarda-Tui,
á altura de Goián. (Foto Manuel A. Pombal-anabam; 21-05-2007).

Lavandeira
branca (Motacilla alba) na estrada de O Rosal. (Foto: Manuel A.
Pombal-anabam; 21-05-2007).

Rata
en Mougás, fronte á depuradora, na estrada Oia-Baiona. (Foto: Manuel A.
Pombal-anabam: 22-05-2007)
|
|
Actualizado o 07-05-2007 |
|
Reportaxe
fotográfica de
Manuel
Ángel Pombal ("Peque")
Xa temos en marcha a recollida de datos da fauna atropelada nas estradas
do Baixo Miño. Nestes intres temos rexistradas seis especies:
Verderolo
(Carduelis chloris)............1..... (A Guarda)
Raposo
(Vulpes vulpes).........1..... (A Guarda)
Ourizo
(Erinaceus europaeus)........6 ..... (Tomiño; O Rosal; Oia)
Coello
(Oryctolagus cuniculus)........1.....Oia
Garduña
(Mustela ).........1.....Oia
Xabarín
(Sus scrofa).........1.....O Rosal
Non
identificados........2......A Guarda; Oia
O Ourizo, como podemos ver, ven sendo, de momento, a especie que aparece máis
frecuentemente atropelada.

Hai
certas estradas e certos momentos nos que o número de atropelos pode ser
importante. O maior perigo para a fauna silvestre pode aparecer na época
de reproducción e na primavera. Hai tramos, como este na entrada á
Guarda, preto do antigo basurero de Bazar, no que resulta certamente
importante o número de atropelos. Na imaxe podemos observar (flechas) os
restos de dous animais.

Os
coellos, aínda que non son habituais víctimas de atropelos, as veces,
como neste caso (09-05-2007, As Mariñas, Oia) deixan tamén a súa
testimuña de morte.

Entre
as especies con maior mortande nas nosas estradas, tal vez ocupando o nº
1 do racking, se atopan os ourizos. É rara a estrada na que non
apareza algún exemplar atropelado.

Os
animais nocturnos, como esta garduña, tamén resultan máis habituais do
que quixeramos. Posiblemente deslumbrados polos faros dos automóveis,
moitos animais quedan estáticos converténdose en carne de estrada.

Detalle
das patas da garduña anterior. Algunhas das especies atropeladas son
utilizadas por ANABAM

A
garduña estaba repleta de carrochos o que obrigou tomar algunhas
precaucións cando se manipulou.
|
|
Actualizado o 12-04-2007 |
|

Raposo
atropelado na estrada de Camposancos, na zona de Saa.
(Foto 1)
Nesta sección trataremos de ir poñendo os datos que nos cheguen
correspondentes á fauna que resulta víctima dos accidentes de tráfico
na comarca do Baixo Miño. Con isto pretendemos coñecer que animais son
os que sucumben víctimas do asfalto; que especies sos as mais propensas e
épocas nas que con maior frecuencia se dan e cales son as estradas e os
puntos máis conflictivos, entre outros datos que se recollerán.
Agradecemos
os datos enviados por aquelas persoas que desexen colaborar con este
proxecto.
Os datos mínimos que se deben enviar son os seguintes:
Nome do animal atropelado.
Estrada e punto de atropelo (o máis detallado posible, pode ser de grande
axuda para unha mellor precisión entrar no SIXPAC).
Data de observación.
Datos do colaborador.
Ademais, cada colaborador pode enviar todos aqueles datos (incluidas
fotografías) que considere oportunos.
|
| ESPECIE |
DATA |
LUGAR |
COLABORADOR |
|
Raposo (Vulpes vuelpes)
(Véxase foto 1) |
02-02-2007 |
Estrada Camposancos |
Ag.Fe.Lo. |
| Verderolo
común (Carduelis chloris) |
02-02-2007 |
Estrada Camposancos |
Ag.Fe.Lo. |
| Xabarí (Sus
scrofa) |
19-02-2007 |
Estrada A Gándara (A Guarda) -O Rosal.
P.Q. 1 |
Ma.Co. |
| Ourizo (Erinaceus europaeus) |
31-03-2007 |
|
An.Fe.Lo.//Ri.Po.Vi.//Da.Po.Ro. |
| Ourizo (Erinaceus europaeus) |
31-03-2007 |
Tabagón no cruce ás Eiras (Estrada A
Guarda-Tui) |
An.Fe.Lo.//Da.Po.Ro.//Ri.Po.Vi. |
| Ourizo (Erinaceus europaeus) |
09-04-2007 |
Tabagón, no cruce ás Eirás (Estrada A
Guarda-Tui) |
Ag.Fe.Lo.//Ol.Ro.Vi. |
| Ourizo (Erinaceus europaeus) |
10-04-2007 |
No cruce á ponte de Goián-Vila Nova |
Fe.Po.Ro.//Ri.Po.Vi. |
|
COLABORADORES:
Ag.Fe.Lo.: Agustín Ferreira Lorenzo; Ma.Co.: Mannuel
Coimbra
An.Fe.Lo.: Antón Ferreira Lorenzo; Da.Po.Ro.:
David Portela Rocha
Ri.Po.Vi.: Ricardo Portela Vilas
Ol.Ro.Vi.: Olga Rodríguez Vicente
Fe.Po.Ro.: Fernando Portela Rocha |
As plumas das ás nos permiten coñecer claramente a
especie desta ave atropelada: o verderolo común. |
| |
|
BAIXO MIÑO:
ÁREA
COMARCAL DE INTERESE
PAISAXÍSTICO
(ACIP)
1: NIÑO DO CORVO (O ROSAL)
|
|
BAIXO MIÑO:
ELEMENTO
NATURAL DE INTERESE COMARCAL
(ENIC)
1: ROCHEDOS DE FIGUEIRÓ (TOMIÑO)
2: FERVENZAS (O ROSAL; OIA)
3: CARBALLOS CENTENARIOS DE TEBRA (TOMIÑO)
4: FENTOS ARBOREOS DE OIA
|
|
ELEMENTOS
PATRIMONIAIS DE INTERESE NATURAL E PAISAXÍSTICO
(EPINP)
CETÁREAS
MUÑOS DE VENTO
PESQUEIRAS
|
|
LUGAR DE
INTERESE COMUNITARIO
(LIC)
BAIXO MIÑO
|
|
ZONA DE
ESPECIAL PROTECCIÓN DE AVES
(ZEPA)
DO ESTEIRO DO MIÑO
|
|