anabam

traballando polo patrimonio natural

do Baixo Miño galego-portugués

 

anabam.anabam@terra.es     

 

 -ANABAM

-CAMPAÑAS

 -EVENTOS -  ACTOS

 -LEMBRANZAS

 -CONTACTO - HORARIO OFICINA-

 -ASOCIARSE

-ANABAM EN ACCIÓN

      -Saídas de Campo

-EDUCACIÓN AMBIENTAL

-ACTIVIDADES

-VOLUNTARIADO

-VISITAS GUIADAS

-CURSOS

-PUBLICACIÓNS

-VÍDEOS

 

ASOCIACIÓN  NATURALISTA  "BAIXO  MIÑO"

 

 

 

 

INICIO

 

PORTADA

 

PORTADAS ANTERIORES

 

PEGADAS

 

FENOLOXIA

 

FAUNA

 

MORTANDADE

 

INFORMACION

 

AGRESIONS

 

CARTAS

 

ANABAM VÍDEO

 

ODONATOS

 

 

P.E.S.

QUE E O PES

 

CAMARIÑA

 

CHARAXES JASIUS

 

PÍLLARA-BORRELHO

 

EURYNEBRIA

 

OTANTHUS MARITIMUS

 

HONCKENIA PEPLOIDES

 

WODWARDIA RADICANS

 

ANDORIÑA DE CU BRANCO

 

FENTOS ARBOREOS

 

 

TRABALLOS DE CAMPO

 

CETÁCEOS

 

TARTARUGAS MARIÑAS

 

FAUNA ATROPELADA

 

CENSO AVES ACUÁTICAS

 

ANDORIÑAS DO BAIXO MIÑO

 

PROXECTO LARUS

 

UN BOSQUE PARA UNHA BOLBORETA

 

REXISTRO DE PEGADAS

 

ETNOGRAFÍA

ÚTILES E APARELLOS

 

MARCAS DOS MARIÑEIROS

 

 
 
MERCADIÑO
 

 

 

PEGADAS  E SINAIS  DOS  ANIMAIS

 

 

COORDINADOR DA SECCIÓN

Agustín Ferreira Lorenzo

E-MAIL: agfelo@terra.es

 

 

      Actualizada o 12-02-2012  
 

 

         Aquí temos unha grande pegada dun ave. Ao seu caron dispoñemos de dúas referencias para decatarse do tamaño da mesma: a pegada dunha gaivota e unha moeda de euro. Ponse de manifesto que ten que se tratar dun ave de tamaño considerable.

 

    Se pensamos que aves pode haber polo entorno que deixen unha pegada de tal magnitude, non temos máis que pensar que ten que ser unha garza real (Ardea cinerea).

 

    Lugar de observación: praia de Afife, o 11 de febreiro de 2012.

   

 
         

 

      Actualizada o 30-01-2012  
 

 

       Nesta ocasión imos ocuparnos das sinais deixadas por certas aves, habitualmente merlos, tordos, etc, que depredan sobre os caracois. É o caso da imaxe que aparece á esquerda, onde apreciamos como parte da carcasa deste molusco, un caracol do xénero Cepaea, foi parcialmente destruída para poder facerse co contido interior, carne que aporta proteínas nesta época de inverno. Non é raro atoparse, ás veces, con agrupacións máis ou menos numerosas destes restos, mentres que noutras ocasións aparecen solitarios. A fotografía foi obtida no piñeiral da praia de Camposancos, A Guarda, o 20 de xaneiro polo coordinador desta sección

 
         

 

      Actualizado o 29-11-2011  
 

LIMÍCOLAS E PASERIFORMES

     
 

 

     O sábado 27 de novembro, aproveitando a visita á praia para levar a cabo o censo de aves acuáticas correspondente a dito mes, detivémonos un chisco para observar algunhas das pegadas que se atopaban na area da praia.

 

    Das pegadas se pode sacar moita información, sobre todo se un está interesado nelas. Podemos facer mil e unha preguntas en relación as mesmas e moitas delas, de seguro, quedarán sen resposta.

 

  

 
         
 

 

    Neste caso, estas son o grupo de pegadas que nos chamou a atención, e máis aos nenos Andrés e Elena, dous membros de ANABAM que nos acompañaron nese día. O Andrés e moi espabilado, mesmo tratou de enganarnos con algunha das pegadas, así que teremos que estar atentos aos seus movementos.

 

   As pegadas non chaman, en principio, a atención dos visitantes da praia, entre outras cousas porque non están acostumados a fixarse en certos detalles. Pero un simple paseo polo areal pode ser moi gratificante se enriba tratamos de sacar algún proveito. Nestes lugares convén levar unha cámara fotográfica.

 

   

 
         
 

 

   Ben, aquí vemos un numeroso grupo de pegadas, a fotografía amosa parte das que había.  esta "escritura" tan especial, estanos a dicir que non había un ave soa, senon varias, era un grupiño numeroso que se movía insistentemente.

 

   Ademais, unha observación máis detallada nos di que as pegadas corresponden a dous grupos de aves: os limícolas, que soamente marcan tres dedos, e as lavandeiras, que marcan catro dedos (tres diante e un detrás), os limícolas carecen ou teñen moi pequeno o dedo posterior, polo que este non aparece marcado. O sentido de desprazamento en ámbalas dúas especies é cara á dereita. A lavandeira non se detivo ningunha vez, pois as pegadas van en liña, o que significa que ía camiñando sen deterse.

 

    En fin, que poderiamos seguir con máis detalles, pero bastan os que citamos para que cada quen trate de atopar novas respostas a outras tantas preguntas que se poden facer.

 
         
         

 

Actualizado 0 16-12-2009

 

PEGADAS DE XABARÍ

 

 

Dende hai varios anos, a presenza de xabarís na parroquia guardesa de Camposancos é unha realidade que podemos corroborar polas pegadas que deixan estes animais nas súas andanzas nocturnas na procura de alimento. As sinais da súa actividade vénse a cotío a carón da estrada que cruza a citada parroquia ou no piñeiral da praia de Camposancos (de onde procede a imaxe da fotografía).  Os xabarís removen o terreo e mesmo chegan mover pedrás de bo tamaño. A súa presenza na parroquia de Camposancos pode estimarse que data dende finais da década dos noventa. Nas súas andanzas nocturnas percorren practicamente toda a parroquia agás o centro da mesma onde a iluminación e o núcleo habitado lles fará recuar.

 

 

Actualizado o 02-12-2009

 

PEGADAS DE OURIZO

NUN LAMEIRO

 

 

Os lameiros son bos lugares para deterse a observar as pegadas deixadas polos animais que transitan por riba deles. Neste caso concreto podemos observar as pegadas deixadas por un ourizo cacheiro que na escuridade da noite saíu na procura do seu alimento. As landras serven como referencia para decatarse do tamaño das pegadas. Polo número delas que hai e a dispersión das mesmas podemos sacar a conclusión de que este ourizo debeu moverse por riba do lameiro durante un certo tempo.

 

 

 

Actualizado o 16-11-2009

 

        O naturalista ten que ser curioso por natureza e non pode deixar de lado ningunha observación, por pequena que sexa, se quere estar ao tanto do que acontece ao seu arredor. Hoxe traemos aquí unha colección de elementos que delatan a presenza de diversos animais en diferentes áreas. Algúns destes elementos son obvios e non representan misterio algún para a xente, outros resultan máis complicados adiviñar quen é o responsable dos mesmos.

 

    Para os amantes de saír ao campo, a observación de pegadas, rastros, restos e sinais dos animais, pode ser un exercicio apaixoante. En principio non ten que importar moito que se chegue a coñecer aos responsables do que nos chama a atención. Cunha cámara fotográfica dixital, poderemos facermos cunha interesante colección de pegadas, sinais e rastros dos animais, que contribuirá, de seguro, a ampliar os nosos coñecementos dos animais que habitan un determinado lugar.

    Como mostra do que dicimos, aí van uns cantos exemplos.

 

 

PIÑA ROÍDA POR ESQUÍO

 

   Os esquíos empezan a roer as piñas pola base, deixando as uñas terminais do "carozo". Unha análise máis detida pode indicarnos se a piña foi roída de esquerda á dereita, de dereita á esquerda ou primeiro dunha forma e logo doutra. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida no piñeiral da praia de Camposancos).

 

PIÑA ROÍDA POR UN RATO

 

   Non sabemos exactamente que roedor é o responsable deste evidencia. Si podemos asegurar que non o fixo un esquío, posiblemente fose un rato de campo. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida no piñeiral da praia de Camposancos).

 

 

PEGADA DE TEIXUGO

 

   Os teixugos son animais nocturnos, polo que resultan difíciles de ver. Pero neste caso a pegada dun exemplar impresa na area delata as súas correrías nocturnas. Sempre é bo poñer unha referencia, neste caso unha cinta miniDV, que  servirá para decatarnos do tamaño da pegada, aproximadamente 65 mm de lonxitude.(Foto: Ricardo Portela Vilas-anabam. Obtida no río cereixo da Briña).

 

 

EXCREMENTO DE MIÑOCA MARIÑA

 

   As miñocas procuran seu alimento "comendo" a lama do lugar onde habitan. A materia non dixerible é expulsada ao exterior formando típicos fíos que se dispoñen en montículos característicos. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida nos lameiras da praia de Camposancos).

 

PEGADA DE CARACOL

 

   Cando o caracol se despraza pola area, a súa baba impregna os grans deixando así un rastro característico do paso do mesmo. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

 

PEGADA DE GAIVOTA

 

   A area é un bo lugar para obter unha interesante colección de pegadas. As que observamos aquí pertencen a un ave palmípeda, moi abondosa, que deixou impresas na area durante o seu desprazamento. Pertencen a unha gaivota. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

PEGADA DE PAXARO

 

   Hai varias especies de aves que utilizan o areal na procura do seu alimento.  Dado o tamaño da pegada (comparémola coa moeda) onde podemos observar que marca os catro dedos (tres dianteiros e un traseiro), podemos asegurar que pertence ao grupo dos paxaros. Neste caso é dunha lavandeira, unha das aves que podemos ver facilmente nas nosas praias. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

PEGADA DE TOUPA

  

Case que podemos asegurar que este rastro é coñecido por todo o mundo. Ven sendo a típica galería dunha toupa no seu deambular polo areal. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

PEGADA DE OURIZO CACHEIRO

  

    Animais nocturnos, percorren o areal buscando o alimento que poden atopar preto das algas de arribazón que deixa a marea. Neste caso as pegadas están moi claras. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

 

PEGADA DE LAGARTO ARNAL

  

    Tamén os lagarto ocupan os bordes do areal onde atoparán unha inxente cantidade de insectos dos que se alimentarán. Véxase claramente a marca da cola deixada na area, a ámbolos dous lados da mesma poden apreciarse as pegadas das catro patas. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

PEGADA DE OURIZO

   

     Neste caso o releve das pegadas non é tan nítido como na fotografía de máis arriba. Son pequenas oquedades que quedaron na area. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

PEGADA DE CARACOL

  

    Conseguimos coller in fraganti a este pequeno amigo que se desplazaba pola area da praia, onde puidemos observar como deixaba a súa pegada, neste caso bastante diferente á da fotografía de máis arriba. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

PEGADA DE CORVO

 

   Tamén os corvos adoitan visitar con moita frecuencia o areal. A súa pegada é moi característica, cun dedo que parece prolongarse case ata o outro pe. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

 

EXCREMENTO DE LAGARTO

  

     Son doados de recoñecer porque un dos extremos remata cunha especie de boliña branca.(Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

EXCREMENTO DE CAN

  

    Se os excrementos teñen a forma da fotografía e son abrancazados podemos afirmar que son de can. Fáciles de desmenuzar, non conteñen restos doutros animais como poden ser élitros ou pelo. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida no piñeiral da praia de Camposancos).

 

EXCREMENTO DE OURIZO

 

    Non é raro que aparezan no mesmo lugar onde estiveron comendo, ou no camiño polo que transitaron. Son de cor negra, brillantes, cilíndricos, curtos, que poden conter élitros dos animais que lle serviron de alimento. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

"ESCUPITALLO"

  

     Parecen escupitallos pero en realidade é unha espuma segregada por un pequeno bichiño que a utiliza como acubillo fronte aos depredadores e para manter a humidade que precisa. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida no piñeiral da  praia de Camposancos).

 

EGAGRÓPILA DE GAIVOTA

  

      A característica dunha egagrópila (restos non dixeridos) de gaivota é o seu contido de restos calcáreos como trozos de cunchas, restos de ourizos, espiñas destes. Tamén poden haber espiñas de peixes. (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida nos rochedos da costa guardesa).

PEGADA DE CANGREXO

  

      Esta pegada na area da praia deixounos desconcertados a primeira vez que a vimos. Seguíndoa descubrimos quen era o responsable, un cangrexo.  . (Foto: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam. Obtida na praia de Camposancos).

 

 

 

Actualizado o 22-04-2010

PEGADA DE EIRUGA DE ESCARABEIDO

 

 

    

En numerosas ocasións observamos na praia de Camposancos a pegada que podemos ver máis arriba. Polas características, evidentemente sabiamos que pertencía a algún verme, pero non tiñamos nin a máis remota idea de cal podería ser. Pola zona na que estaban, descartamos de inmediato os vermes acuáticos, así que, tería que ser, dende o noso punto de vista dun terrestre.

 

    Por fin, o pasado 8 de abril a nosa curiosidade viuse satisfeita. Pois nun dos habituais paseos de observación que facemos polo areal de Camposancos puidemos ver o autor desa "escritura" que temos visto: trátase dun verme de escarabeido, posiblemente do "Sanjuanero", un dos escaravellos que abondosamente podemos ver nesta praia polo mes de xuño.

 

 

Este verme é o responsable das pegadas que observamos en numerosas ocasións na praia de Camposancos.

 

 

 ------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

ADIVIÑA DE QUEN SON AS PEGADAS

Actualizado o 04-05-2009

     

Saberías  dicir a que animal corresponden as seguintes pegadas?

     
     

A resposta  correspóndese cun destes animais:

     
     

Se queres saber a resposta, pasa o cursor a partir de aquí: OURIZO CACHEIRO

     

 

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

Actualizado o 30-11-2008

ANALIZANDO AS PEGADAS  DA  PRAIA

      

    Nesta ocasión imos aproveitar as pegadas e rastros para un  concurso no que os participantes que acerten gañarán un lote de cinco vídeos ou publicacións editados por ANABAM.  Para iso terán que fixarse nas fotografías e responder ás preguntas que se fan máis abaixo. Por suposto que damos algunhas pistas.

 

     As pegadas foron obtidas o pasado día 20 deste mes de novembro na praia de Camposancos, A Guarda.

 

    Mirade as imaxes e ide ás preguntas que aparecen máis abaixo:

 

   
   

Foto 1

 

Foto 2

 

Foto 3

 

Foto 4

 

Foto 5

Foto 6

   

     Unha das imaxes corresponde a unha toupa (Talpa ).

     Noutra das imaxes aparece a pegada dun corvo.

     Tamén temos dúas imaxes nas que aparecen pegadas de aves pertencentes ao  grupo dos limícolas: un destes limícolas é o Pilro bulebule e o outro limícola é un mazarico chiador.

     Finalmente, temos unha imaxe da pegada dun cangrexo.

 

   Agora damos as pistas:

 

     O mazarico chiador é un limícola que deixa un rastro en liña. Marca perfectamente os tres dedos dianteiros.

     O corvo deixa habitualmente tamén un rastro en liña, pero marca catro dedos, os tres de adiante e un traseiro.

     O pilro bulebule, utiliza a praia para se alimentar. Andan en bandos polo que deixan moitas marcas xuntas, e picotean nunha ampla superficie, de xeito que as súas pegadas son un desbaraxuste.

     A toupa móvese por debaixo da area, facendo túneles.

     O cangrexo ten oito patas e, claro, estas quedaran marcadas sobre a area nunha liña que mesmo parece a marca deixada por a roda dunha bicicleta.

     Finalmente o ourizo, que sae de noite para buscar alimento na praia, deixa, sobre a area branda, unhas cobiñas máis ou menos en liña recta.

      Lembrade que os participantes que acerten, gañarán un lote de publicacións e/ou vídeos (eles elexirán o que queren), formado por cinco exemplares editados por esta asociación. (Concurso válido ata a próxima actualización).

   

--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

SABES DE QUE ANIMAL SE TRATA?

Actualizado o 15-06-2008

   Os excrementos de diferentes animais constitúen unha das sinais que podemos atoparnos no campo. E claro, "onde hai excrementos, hai vida". Deste xeito, unha observación "escatolóxica" pode ser moi productiva para sabermos que, nos arredores onde nos atopamos, tal vez sexa o territorio dalgún animal que ten na zona o seu particular reino. En moitas ocasións, a función dos excrementos, aparte das fisiolóxicas, pode ser a de marcar o territorio e evitar, na medida do posible, loitas innecesarias que habitualmente o que reportan son danos e gastos de enerxía.

 

   

 

Os excrementos que presentamos nas fotografías superiores, adoitan atoparse, por veces, en lugares ben visibles  --por exemplo, unha pasarela na praia de Camposancos, A Guarda. Poderiamos interpretar isto como unha marcaxe do territorio.

 

Como se aprecia nos tres excrementos, correspondentes a outros tantos exemplares, unha característica común é esa especie de boliña branca que aparece nun dos extremos. Este rasgo vai ser suficiente para identificar á especie responsable. Ademais, poderemos observar que tódolos excrementos rematan en punta, o que poderemos interpretar como un segundo rasgo identificativo.

 

A lonxitude media está nuns tres centímetros de longo e arredor dun centímetro de diámetro.

 

Que animal produce este excremento?

Pistas:

Ten catro patas.

Ten cola.

Non voa.

Non é mamífero.

Adoita quentarse ao sol.

É de cor verde.

 

Pasa o cursor a partir de aquí: lagarto arnal.

 

--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

OS CRÁTERES MISTERIOSOS

Actualizado o 31-07-2008

 Pequenas oquedades cónicas poden aparecer, ben ailladas ou en grupos, en diversos lugares do Baixo Miño sempre que o terreo sexa terroso ou areo-terroso.  Estes buratiños son verdadeiras trampas mortais para multitude de insectos que o caer no seu interior, vailles resultar practicamente imposible saír do mesmo. No fondo do burato, impasible e paciente, permanece á espera o depredador. Será nese momento cando éste entre en acción atrapando velozmente ao incauto para volver novamente a se introducir na súa cazapeira mentras da conta da presa.

 

 

Saberías a que misterioso insecto pertencen estas trampas?

 

Para coñecer a resposta, pasa o cursor a partir de aquí: formiga león.

 

----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

UN RASTRO NA AREA

Actualizado o 29-05-2008

 

Ás veces podemos atoparnos con esta banda lonxitudinal na area da praia. Para os que non coñecen a súa procedencia, pode resultarlles un misterio. Outros poden pensar que é a pegada deixada pola roda dunha bicicleta.  Pero este é o rastro deixado por un animal.

 

      Imos adivinar de que animal se trata:

 

       Podería ser dun mamífero? Difícil. Os mamíferos deixan marcados os dedos, mesmo tamén as unllas.  Nunca unha marca continua e ancha como esta. Descartamos os mamíferos.

 

    Podería ser dun ave? Nas aves aparecen marcados os tres dedos dianteiros e pode estar presente ou non o cuarto.  Polo tanto descartaremos tamén ás aves.

 

    Poden ser de réptiles? Se fose de cobras, estas se presentarían en forma de "S" ou cunha fina liña máis ou menos alongada, ou mesmo con liñas paralelas. Se fosen de lagarto deberían aparecer as catro patas e unha liña estreita entre elas correspondente á cola. Así que tamén descartamos aos réptiles.

 

    Daremos unha pista: trátase dun animal acuático que posúe oito patas.

    Se queres saber que é, xa sabes, pasa o cursor a partir de aquí: cangrexo.

 

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

Actualizado o 15-05-2008

PEGADAS DE CORVO NA PRAIA

 

     O corvo viaraz (Corvus corone corone) é unha das especies que frecuentan diariamente a praia de Camposancos (A Guarda) polo que resulta doado atoparnos coas pegadas que deixan na area. Estas pegadas son moi características e, en xeral, resultan de fácil identificación, polo que a nosa colección fotográfica de pegadas identificables atopa nas de corvo unha boa ocasión para se iniciar nesta apaixonante temática.

 

 

Os corvos deixan  marcas dos tres dedos anteriores así como tamén do posterior.

   

 

O rastro é moi característico, xa que adoita presentar unha liña que une unha pegada coa seguinte.

 

A impresión da pegada é clara e polo xeral presentan un ángulo formado entre o 3º e 4º dedos, mentres que o 2º e 3º dedos están moi próximos. As veces quedan ben marcados os segmentos dos dedos, como pode verse no 2º dedo da pegada da dereita.

------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

Actualizado o 05-05-2008

 

   SINAIS DA PRESENZA DUN PEQUENO INSECTO

 

      Hoxe imos prestar atención a unha das cousas que resulta un misterio para moita xente, como é coñecer á procedencia de centos de "escupitazos" que aparecen nas plantas a partir do mes de marzo. A curiosidade por descifrar este misterio é grande pero son ben poucas as persoas que coñecen realmente ao responsable de tales feitos. 

      

       En realidade estas son claras sinais dun invertebrado, dun insecto da orde dos HOMÓPTEROS da familia Cercopidae, que teñen entre 5 e 7 mm de lonxitude. A escuma que forman obedece a un proceso polo cal estes insectos insuflan aire sobre os seus excrementos e estes transfórmanse nos "escupitazos" que todos coñecemos. Con este proceso, estes pequenos insectos conseguen tres cousas: 

a/ protexerse de posibles depredadores.

b/ manter unha humidade permanente.

c/ manter unha temperatura axeitada.

 

 

Escupitazo na pola dunha xesta. No interior da escuma atópase a pequena larva a salvo de posibles depredadores.

 

 

 

 

Son varias as especies de cercópidos que producen os escupitazos. No piñeiral de Camposancos, onde foron obtidas estas fotografías, temos localizado dúas delas, Aquí reproducimos un cercópìdo vermello en vista lateral e dorsal 

 

 

 

E aquí vemos outro exemplar de pero este de cor verde

   

---------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

Actualizado o 31-03-2008

FOTOGRAFAR PEGADAS E SINAIS

 

    Hoxe practicamente todo o mundo ten unha cámara fotográfica dixital ou, no peor dos casos, un móbil capaz de sacar, con maior ou menor sorte, fotografías que facilitarán o ir formando unha colección de pegadas, rastros e sinais dos animais.. 

 

   Esta é unha boa maneira de facer máis interesante os nosos paseos polo campo á vez que imos educando a nosa vista para detalles que, aparentemente, parecían non estar aí. Non tardaremos deste xeito en descubrir infinidade de marcas que antes pasaban desapercibidas antes os nosos ollos. Decatarémonos de que os paseos poden ser máis interesantes se prestamos atención a estas pequenas cousas. Así chegaremos a ver restos dos alimentos, pegadas ou sinais dos animais que estiveron no mesmo camiño ou sendeiro polo que nos desprazamos agora nós. Por pouco curiosos que sexamos, podemos ir obtendo interesantes mostras da presenza deses animais. Co tempo veremos que temos unha grande colección de rexistros fotográficos que sen dúbida nos vai cautivar.  O esforzo que require este proceso é mínimo, pero iso sí, advertimos que como quedemos "enganchados" os nosos  paseos dunha hora, pode alongarse a bastante máis, porque isto pode converterse nun agradable pasatempo que nos fará disfrutar dabondo do contacto co entorno. Inicialmente non importa que identifiquemos o animal en cuestión, todo o que fotografemos podemos ir clasificándoo do xeito que máis nos interese. Como por exemplo o que facemos a continuación: 

 

 

  MAMÍFEROS AVES RÉPTILES INVERTEBRADOS
PEGADAS    

RESTOS 

ALIMENTOS

     
EXCREMENTOS      
OUTROS  

 

Pasemos agora a ver as pegadas de  MAZARICO  

 que é un limícola, ave que marca tres dedos na area. Aliméntanse de invertebrados mariños: vermes, pulgas de mar, moluscos...

 

   Esta pegada, xunto con outras moitas obtidas ese mesmo día desta ave, obtivémola nun dos paseos que realizamos pola praia de Camposancos. Alí estaba un mazarico curlí (Numenius arquata) e un mazarico chiador (Numenius phaeopus), así que durante un primer momento observamos seus movementos e logo aproximámonos ata onde se atopaban. Observamos unhas pegadas claras, tanto dos dedos como de picotear e durante un bo rato estivemos sacando fotografías dende diversos ángulos.

 

 

 

Nesta fotografía podemos observar pegadas do mazarico curlí (Numenius arquata) e buratos feitos co peteiro cando andaba na procura de alimento. Colocamos unha moeda de 10 céntimos  na area  para ter referencia do tamaño da pegada.

 

 

 

Aquí vemos varias pegadas de mazarico e buratos feitos ó picotear na area.

 

SINAIS DE ALIMENTARSE DE DOUS MAMÍFEROS

 

Aquí temos dúas piñas roídas por dous animais diferentes, dous mamíferos:

 

A da esquerda está roída por un esquío, recollémola no piñeiral de Camposancos, a carón da praia. Os esquíos roen as piñas dende a base e van xirándoa de esquerda á dereita ou de dereita a esquerda. Esta comezou a roela de esquerda á dereita, pero contra o final cambiou o sentido e roeuna de dereita á esquerda.  

 

A piña da dereita foi roída por un rato de campo. Obsérvese a clara diferenza que hai dunha a outra. esta segunda piña foi atopada preto da presa do arroio de Vilachán (Tomiño).

 

 

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

Actualizado o 27-02-2008

 

 

PEGADAS DE MAZARICO CHIADOR (Numenius phaeopus)

  

    O mazarico chiador é unha das aves limícolas máis grandes que atopamos no esteiro do Miño. As súas pegadas son frecuentes no areal da praia de Camposancos, (A Guarda)  onde podemos vobservalas  sobre a area. O mazarico acude a esta praia na procura de alimento.

 

   As pegadas dos limícolas se caracterizan porque deixan as marcas dos tres dedos dianteiros. O dedo posterior non aparece xa que éste se atopa nunha posición superior con respecto a aqueles sendo ademais de menor tamaño.

 

      Os areais son excelentes zonas para observar as pegadas dos animais que se desplazan por estas zonas. As mellores horas son pola mañán e a tardiña xa que a luz do sol incide de tal xeito que realza as mesmas, permitindo velas con máis detalle.

 

    As fotografías aquí presentes foron tomadas na mañán do 19-02-2008 no tramo denominado Forte, da praia de Camposancos.

 

 Na fig. 1 tomamos como referencia unha moeda de10 céntimos para decatarnos do tamaño da pegada do mazarico.  

 

 

 

 

 

 

   Na fig. 2, vemos a distancia correspondente ao avance desta ave logo de dar dous pasos. Cada trazo grande de cor corresponde ao tamaño dunha pegada, polo que podemos ver que o desplazamento, neste caso, oscila aproximadamente entre os 10,60 cm e os 13,25 cm.

 

 

   

 

 

Neste outro rastro do mesmo mazarico, observamos que a lonxitude dun paso oscila entre as catro e media e as cinco moedas de 10 cm, o que equivale, aproximadamente a unha lonxitude de entre os 9 e os 10 cm. Cabe sinalar que neste desplazamento o mazarico non se detiña a picotear no chan senón que simplemente desplazábase cara á beira do río, lanzando de cando en vez o seu peteiro na procura de alimento.

 

   

    Aquí observamos o rastro deixado polo mazarico cando se desplazaba sen deterse a se alimentar. Como se pode apreciar é un avance homóxeneo, pode comprobarse porque a distancia entre dúas pegadas é máis ou menos constante. (Nota: hai que ter en conta a perspectiva da fotografía).