Dende que o pasado día 5 deste mes de novembro levamos a cabo os labores
de protección dos fentos arbóreos, varios membros de ANABAM (Manuel A.
Pombal, Ricardo Portela, Noé Ferreira, Agustín Ferreira) teñen visitado
con frecuencia os mesmos para ver, sobre todo, como se desenvolve o
fento que tivemos que transplantar.
Tamén aproveitamos para afianzar o muro de
contención que protexa aos fentos da marxe esquerda diante dunha riada
que non sexa excesivamente intensa.
Vista xeral de onde se encontran os tres únicos fentos que quedan na
marxe esquerda do río Vilar. As riadas do pasado mes de outubro volveron
deixar o leito sen ningún tipo de cobertura. A pesares do grande
movemento de rochas que houbo, esta vez os fentos desta marxe salváronse,
aínda que a estipe (tronco) quedou parcialmente cuberto.
Na visita efectuada este domingo, 27 de novembro, tomamos nota do estado
no que se atopan os catro únicos fentos que quedan: tres na marxe
esquerda e un na dereita. Un dos fentos aparece bordeado dun pequeno
muro de protección que, diante dunha riada, evidentemente non servirá de
nada, pero que serve, non obstante, como referencia e para evitar pisar
ou danar o tronco se nos achegamos a el.
Nesta época do ano, parte das frondes secan pero de momento, outras
amosan a vigorosidade que aínda teñen, a pesares dos avatares que
sufriron nestes últimos cinco anos, tal vez máis que en décadas pasadas.
Muro de conteción que o equipo de traballo de ANABAM construiu o sábado
5 de novembro. Diante dunha grande riada, isto non vai servir,
evidentemente, de nada, pero si pode manter a raia unha crecida do río
que non sexa excesivamente forte, evitando que a auga actúe sobre os
tres fentos da marxe esquerda. E o único que de momento podemos facer en
favor destas xoias botánicas de Oia.
Estado do fento transplantado logo de que lle arrincaramos as follas que
secaron ou que estaban a secar. Coma se pode apreciar, o seu estado
actual queda moi lonxe do que presentaba hai tres semanas.
Noé, procedeu a plantar un par de pequenos loureiros que había na zona,
a ver se agarran e co tempo contribúen a suxeitar a marxe do río e, se
cabe, protexer aos fentos.
Noé traballando nos fentos da marxe esquerda, vendo a maneira de poder
realizar labores que podan propagar os mesmos nesta paraxe.
Actualizado o
14-11-2011
MEDIDAS DE PROTECCIÓN DUN DOS
FENTOS ARBÓREOS DE OIA
TRA-LAS RIADAS DO MES DE OUTUBRO DE
2011
Texto: Manuel A. Pombal Diego e
Agustín Ferreira Lorenzo
OS
FENTOS ARBÓREOS DO RÍO VILAR RESISTEN UNHA VEZ MÁIS, PERO ..... ATA
CANDO?
Repítese a historia do 2006, e quen sabe cando será a próxima, porque
haberá máis, iso é ben seguro. Visitamos os fentos arbóreos (Dicksonia
antarctica) que quedan no río Vilar, na parroquia de Pedornes (concello
de Oia) un día despois da riada e puidemos comprobar que, aínda que
resisten, algún deles está seriamente afectado. Tal e como se amosa nas
fotografías, un dos fentos, está agora completamente descolgado, froito
da erosión producida na canle do río ó seu carón. Hai agora un desnivel
máximo de 160 cm dende o fento ata o fondo da canle. É, pois, preciso
actuar para evitar na medida do posible, a súa perda irreparable.Foto
Manuel A. Pombal Diego.
Os outros tres fentos que quedan uns metros máis abaixo tamén se viron
afectados (comparade as fotos tomadas fai uns días coas actuais).
Ademais de estar parcialmente soterrados, un deles, o do medio, está moi
inclinado sobre o inmediato inferior, ademais de estar parcialmente
cuberto por pedras. Xa retiramos (a man) algunhas das pedras e area que
o cubría, liberándoo parcialmente; nembargante, tamén é preciso retirar
mais pedras e area e protexelos con aporte de sedimento.
Unha vez vista a gran erosión producida na súa contorna, pódese concluír
que estes tres fentos salváronse pola presenza dunha grande rocha que,
xunto coas raíces dun eucalipto que a cobre, desviou a forza da auga
cara ó outro lado, onde a erosión e moito mais pronunciada, o tempo que
facilitou o cúmulo de pedras e area ó seu carón (o cal tamén axudou a
desviar a corrente); do contrario, é moi probable que a forza da auga os
levara definitivamente por diante. Foto Manuel A. Pombal Diego.
O que aconteceu, parece mesmo que foi unha copia repetida do acontecido no ano 2006.
Naquela visitamos os fentos arbóreos unha semana antes das riadas que
levarían por diante gran parte dos mesmos. Nesta ocasión, tamén
acababamos de facer unha nova visita a estes fentos, foi o sábado 22 de
outubro, e poucos días despois, as riadas facían acto de presenza logo
dunha prolongada seca. Coma entón, o río desbordouse e un dos fentos
desapareceu. Foi o que estaba en peores condicións e que xa tratamos de
afianzar o pasado ano.
Estiveramos na zona o 10 de febreiro, con dous axentes da Xunta de
Galicia, da Consellería de Medio Rural, visitando a zona onde
descubrimos que faltaba un deles. Fora roubado por algún desalmado
días antes, xa que observamos pegadas recentes desa actuación. Esta
agresión é un feito irreparable polo valor ecolóxico que teñen e por ser
plantas cuxa orixe hai que buscalas nos antigos monxes cistercienses do
Mosteiro de Oia. O fento roubado é o sinalado co número 6, que se pode
ver na actualización de máis abaixo correspondente ao 08-06-2010.
O fento no que traballamos é o que figura na fotografía do lado co
número 1, o número 2, que era o que estaba en condicións precarias foi
levado por esta última riada, logo de que a pedra que figura co número
tres, caera ao leito do río. A fotografía amosa a dous membros de ANABAM o sábado 22 de outubro pasado botando pedras baixo este fento número 2
por atoparse nunha situación un tanto inestable. Foto Mª Consuelo González de Dios.
Nº 1, sinala o fento que quedou tra-las riadas. O fento nº 2, foi
arrastrado pola corrente. O nº 3, sinala as pedras que os dous membros de
ANABAM que aparecen na fotografía (Carlos e Agustín), acababan de
colocar para evitar que o nº 2 se desplomara sobre o leito do
río, xa que tiña as raíces practicamente ao aire.
O grande rochedo que aparece diante deles, foi desprazado e arrastrado coas últimas riadas o que produciu
que tamén caera o fento número 2 e quedara sen cobertura o fento nº 1.
Foto Mª Consuelo González de Dios.
Carlos e Agustín, o sábado 22 nun dos momentos en que traballaban na
colocación de pedras baixo as raíces do fento nº 2. Foto Mª Consuelo
González de Dios.
Detalle de como estaba a parte inferior do fento arbóreo no que se
colocaron pedras para tratar de afianzalo. Existía tamén perigo de que a
rocha de grandes proporcións que hai enriba, caera e arrastrara con ela
ao fento, cousa que ao final aconteceo coas riadas. Foto Agustín Ferreira
Lorenzo.
Sábado 5 de novembro, case que dúas semanas despois das riadas. Membros
de ANABAM traballan nos labores de protección do fento arbóreo que, coma
se pode ver na fotografía, estaba totalmente en horizontal. Algunhas
raíces suxeitábano á pouca terra existente a carón dun grande rochedo, polo que se salvou de non ser arrastrado
pola corrente durante as riadas pasadas ou de caer á canle, estragándose definitivamente.
Na fotografía Luís Dorado, Ricardo da Silva e Noé Ferreira. Foto Agustín
Ferreira Lorenzo.
Limpando a zona e cavando un burato a onde se trasladaría o fento. As
labores de protección duraron algo máis de dúas horas e nelas
traballaron sete membros de ANABAM.
Na fotografía Ricardo da Silva; Antón Ferreira e Luís Dorado. Foto
Agustín Ferreira Lorenzo.
Un dos
momentos do traslado do fento arbóreo, unha vez foi sacado da zona na
que estaba.
Na fotografía
Manuel A. Pombal; Agustín Ferreira, Ricardo da Silva e Noé Ferreira. Foto Luís Dorado Senra.
Outro dos
momentos do traslado onde aparecen as mesmas persoas anteriormente
citadas e
outro membro
de ANABAM, Ricardo Portela. Foto Luís Dorado Senra.
Trasladando o fento a súa nova ubicación. A partir de agora, ANABAM continuará facendo un seguimento de
como se desenvolve este fento, pois dende
esta asociación consideramos que debera extremarse as precaucións para
que esta
xoia do concello de Oia non
desapareza deste lugar, por moitas razós pero, entre outras,
pola posible orixe que teñen e por tratarse
posiblemente, dos únicos fentos arbóreos silvestres que hai en Europa.
Estado no que quedaron os tres fentos da marxe esquerda. Unha laxe que
sobresae da terra, uns metros antes dos mesmos, e as raíces dun
eucalito (véxase a segunda foto neste artigo)
posiblemente contribuíu a evitar que as riadas os levara por diante.
Foto Agustín Ferreira Lorenzo.
Na fotografía, os membros de ANABAM
estudando a posible ubicación do fento.
Tal e como se comenta no artigo, tívose en
conta diversos factores co fin de minimizar os
perigos que poden afectar a este fento. O
tempo dirá se esta acción tivo éxito ou non,
pero en calquera caso, era preciso actuatr
con urxencia no mesmo.
Estes son algúns dos aspectos tidos en
conta para a nova ubicación do fento transplantado:
a) Presenza de sustrato
adecuado para o enraizamento.
b) Localización
diferente á ocupada polos outros 3 fentos, o cal supón:
b1) que se outra riada os levara por diante,
se salve algún deles, e
b2) a existencia de dúas localizacións para
a súa posible multiplicación no futuro.
c) Zona mais ben
sombría (non exposta a radiación solar directa), e por ende húmida, que
é a típica na que se atopaban todos os exemplares cando se descubriron.
d) Área protexida das
correntes de auga, tendo en conta como foi a erosión nesta última
enchenta. Preténdese asegurar tanto que no sexa arrastrado pola corrente
como que non perda o sedimento no que se asenta.
e) Presenza de
obstáculos naturais que defendan doutros factores naturais tales como a
caída de árbores.
f) Relativa proximidade
á canle do regato para asegurar a humidade.
g) Existencia de
drenaxe natural que evite asolagamentos.
Despois de analizar
todas estas variables nos 3 ou 4 sitios inicialmente susceptibles de
acoller ao fento, eliximos a que foi a súa ubicación final.
Actualizado o 08-06-2010
SON UNHA DAS XOIAS NATURAIS DO BAIXO MIÑO
E, PARTICULARMENTE, DE OIA
Ata o ano 2006, chegou haber algo máis dunha ducia de exemplares con tamaño
do tronco superior a medio metro, os máis altos sobrepasaban os tres metros
de altura. Pertencen á especie Dicksonia antarctica. No
verán do ano 2006 dous acontecementos naturais infrinxiron un severo castigo
aos mesmos: primeiro un grande incendio forestal que arrasou grande parte da
comarca e que afectou negativamente aos fentos, pero o máis grave foron as
riadas que levaron por diante a maior parte dos exemplares. Quedaron sete
dos que un non conseguiu recuperarse, polo que, nestes intres, son seis os
exemplares que hai totalmente recuperados e aos que ANABAM dedica parte dos
seus esforzos a protexer e conservar.
O sábado 5 de xuño, Día Mundial do Medio Ambiente, efectuamos unha visita á
zona dos fentos para ver como van evolucionando, tomar novos datos dos
mesmos e ver se precisan algún tipo de cuidado. Simplemente tivemos
que eliminar alguhas polas que había próximas aos troncos e, nun dos casos,
tratamos de afianzar un deles (o nº 6) que é o que se atopa nun estado máis
precario e ao que haberá que prestar unha atención prioritaria. Polo demais,
os fentos desenvólvense perfectamente.
Os seis fentos están divididos en dous grupos, un constituído por catro
exemplares, na marxe esquerda do río onde se atopan, e outro grupo
constituído por dous exemplares situados na marxe dereita, separados od dous
grupos por unha distancia de aproximadamente 30 metros.
SON ELEMENTOS PROTEXIDOS E
A SÚA DESTRUCIÓN PODE OCASIONAR UNHA
SANCIÓN DE ATA 6.000 EUROS
Os fentos arbóreos de Oia son os únicos
exemplares coñecidos en estado silvestre existente en Galicia. Pode que
tamén sexan os únicos a nivel europeo nesta situación, existen fentos
arbóreos en xardíns, e mesmo en Portugal, Sintra, hai fentos arbóreos nunha
zona de bosque pero non son desta especie e reciben cuidados.
Dende ANABAM estamos levando a cabo, dende o seu
descubrimento no ano 2002, un seguimento para tratar de que estes fentos non
desaparezan da súa ubicación. Non hai referencias de como chegaron ata a
zona na que están. Nós pensamos que posiblemente a súa orixe haxa que
buscala nos moxes que, séculos atrás, estiveron no mosteiro cisterciense de
Oia. Os de maior tamaño que había ata ese ano, posiblemente superasen os 100
anos de idade. A Xunta de Galicia ten coñecemento dos mesmos, e ANABAM envía
datos á Consellería de Medio Ambiente cada certo tempo.
Os fentos están moi próximos ao leito do río. Nesta época baixa con pouca
auga, pero no período de chuvias o nivel sube puidendo chegar practicamente
á base dos fentos. As crecidas como a do ano 2006, non son frecuentes.
Un membro de ANABAM, Ricardo Portela, recolle información fotográfica dos
fentos. Comparando as fotografías obtidas nos distintos anos, podemos ir
estudando os cambios que se producen no entorno e nos propios fentos.
RESUMO DALGÚNS DATOS OBTIDOS
NA ÚLTIMA VISITA EFECTUADA (05-06-2010)
Nº DE FENTOS...........................................................................
Seis.
ALTURA DO TRONCO DOS EXEMPLARES
FENTONº 1.............................................. 93 cm.
FENTO Nº 2.............................................. 70 cm.
FENTO Nº 3.............................................. 95 cm.
FENTO Nº 4.............................................. 110 cm.
FENTO Nº 5.............................................. 80 cm.
FENTO Nº 6.............................................. 110 cm.
ESTADO NO
QUE SE ATOPAN:
Todos están en perfectas condicións, agás o nº 6
que presenta unhas condicións de estabilidade un
tanto precarias.
Podedes ver este vídeo producido por ANABAM sobre os fentos de Oia.