anabam

traballando polo patrimonio natural

do Baixo Miño galego-portugués

 

anabam.anabam@terra.es     

 

 -ANABAM

-CAMPAÑAS

 -EVENTOS -  ACTOS

 -LEMBRANZAS

 -CONTACTO - HORARIO OFICINA-

 -ASOCIARSE

-ANABAM EN ACCIÓN

      -Saídas de Campo

-EDUCACIÓN AMBIENTAL

-ACTIVIDADES

-VOLUNTARIADO

-VISITAS GUIADAS

-CURSOS

-PUBLICACIÓNS

-VÍDEOS

 

ASOCIACIÓN  NATURALISTA  "BAIXO  MIÑO"

 

 

 

 

INICIO

 

PORTADA

 

PORTADAS ANTERIORES

 

PEGADAS

 

FENOLOXIA

 

FAUNA

 

MORTANDADE

 

INFORMACION

 

AGRESIONS

 

CARTAS

 

ANABAM VÍDEO

 

ODONATOS

 

 

P.E.S.

QUE E O PES

 

CAMARIÑA

 

CHARAXES JASIUS

 

PÍLLARA-BORRELHO

 

EURYNEBRIA

 

OTANTHUS MARITIMUS

 

HONCKENIA PEPLOIDES

 

WODWARDIA RADICANS

 

ANDORIÑA DE CU BRANCO

 

FENTOS ARBOREOS

 

 

TRABALLOS DE CAMPO

 

BOLBORETAS

 

CETÁCEOS

 

TARTARUGAS MARIÑAS

 

FAUNA ATROPELADA

 

CENSO AVES ACUÁTICAS

 

ANDORIÑAS DO BAIXO MIÑO

 

PROXECTO LARUS

 

UN BOSQUE PARA UNHA BOLBORETA

 

REXISTRO DE PEGADAS

 

ETNOGRAFÍA

ÚTILES E APARELLOS

 

MARCAS DOS MARIÑEIROS

 

 
 
MERCADIÑO
 

 

 

VARAMENTOS 2011:

    Fichas varamentos 2011

 

VARAMENTOS 2010:

26-05-2010.- Varamento de dous novos golfiños no Baixo Miño

26-01-2010.- Últimos cadáveres de golfiños localizados no 2009

18-05-2009.- Caldeirón en Oia.

18-05-2009.- Rorcual alibranco en Mougás (Oia).

30-09-2008.- Varamento dun caldeirón xove.

29-05-2008.- Rorcual alibranco en Viladesuso (Oia)

 

 

ÍNDICE

 

Información xeral

Caldeirón.

Golfiño común

Rorcual alibranco

Fichas cetáceos varados

     

 

 

MAMÍFEROS MARIÑOS

INFORMACIÓN XERAL

 

 

      Actualizada o 02-05-2012  
 

Vara un cachalote duns 10 metros

en praia América

 

 

Informa: Manuel A. Pombal Diego-anabam

e Marta Pombal Martínez-anabam

 
 

Foto: Manuel A. Pombal-ANABAM

 
         
 

Foto: CEMMA

 

O mércores 25 de abril, pola mañá apareceu un cachalote (Physeter macrocephalus) morto flotando na enseada de Panxón, en augas de Praia América. Dende CEMMA (Coordinadora para o Estudo dos Mamíferos Mariños) chamáronnos para informarnos do achádego, xa que non é moi doado que os cachalotes aparezan varados polas nosas costas. Cando nos acercamos a Panxón, o exemplar aínda se atopaba flotando baixo a atenta mirada de dous membros da CEMMA (Alfredo e Pablo) e dos moitos curiosos que se acercaban para velo e tirarlle unhas fotos. Varias eran as persoas que botaban a man ó nariz, xa que desprendía un olor un tanto desagradable. Pronto ía comezar a baixar a mare e os membros da CEMMA estaban pendentes de se varaba na área ou non.

 
         
 

Foto: CEMMA

 

  A poucos metros tiñan a súa unidade móbil con todo o necesario para a toma de mostras; de feito, semellaba que o animal xa estaba perdendo algúns dos seus dentes co batuxar do mar que o desprazaba dun lado para outro con relativa facilidade, ao mesmo tempo que o xiraba parcialmente cando o arrastraba sobre a area. O aspecto xeral indicaba que xa levaba uns cantos días morto, coa pel arrincada ou totalmente desgastada e decolorida. Presentaba unha abertura na parte posterior da cavidade abdominal, coa masa muscular comezando a desgarrarse con tanto movemento. Na escotadura anterior á aleta caudal e tamén na parte posterior do abdome presentaba varias marcas debidas a mordeduras de quenllas ou outro animal semellante. Alfredo e Pablo tamén nos comentaron que era un macho duns 10 metros de lonxitude e uns 7.000 quilos de peso, e que sería retirado ó día seguinte pola mañá, coincidindo coa baixamar.  
         
 

Foto: CEMMA

  O temporal destes días, con fortes correntes e ondas de varios metros no mar, foi quen de arrastrar ata a costa o cadáver do animal, que normalmente se atopan en zonas máis exteriores cara ao borde da plataforma continental. Este é o segundo cachalote que apareceu na costa galega na última semana, xa que uns días antes tamén aparecera outro macho de 12 metros en Malpica.  
         
 

Foto: CEMMA

 

Foron varios os membros da CEMMA que o xoves participaron na necropsia e corte do animal en varias pezas para poder cargalo nun camión enviado pola Dirección Xeral de Calidade Ambiental e coa axuda dunha grúa facilitada polo Concello de Nigrán. Así mesmo, procederon a toma de mostras e comprobaron o contido estomacal, onde localizaron entre centos de picos de cefalópodos -o cachalote é unha especie teutófaga- restos dunha rede e varios amocelos, o cal indica que puido morrer por unha obstrución intestinal. Despois dunhas 5 horas de traballo conseguiron sacar o cachalote da praia para ser enviado á empresa Gesuga que está especializada na incineración de animais.

 
         

 

      Actualizada o 30-01-2012  
 

Comparativa dos varamentos rexistrados na costa

Baixomiñota nos seis últimos anos por ANABAM

 

por Manuel A. Pombal Diego

 
 

   

     Cos catro golfiños comúns rexistrados no mes de decembro, o 2011 rematou cun total de 17 rexistros, un número superior aos dos anos 2006 (13 rexistros), 2007 (12 rexistros) e 2009 e 2010 (14 rexistros), pero moi inferior ó do ano 2008 que ascendeu a 33 rexistros. Dos 17 rexistros do 2011, 10 foron localizados no concello de Oia, 4 no de A Guarda, e 3 no de O Rosal. Deles, 15 foron de golfiños (10 golfiños comúns e 5 sen identificar por atoparse moi deteriorados), 1 rorcual alibranco e 1 arroaz. Na seguinte táboa amósanse os datos de todos os rexistros realizados durante os 6 últimos anos (2006-2011).

 

 
   
     
 

 Cabe salientar os seguintes aspectos:

1) Número de rexistros. Rexistráronse un total de 103 individuos: 13 no 2006, 12 no 2007, 33 no 2008, 14 nos anos 2009 e 2010, e 17 no 2011. Estes datos amosan unha relativa igualdade no número de rexistros arredor dos 13-14 rexistros, cun pequeno incremento no 2011 (17 rexistros), e a excepción do ano 2008 onde dito número e mais do dobre da media dos restantes anos (33 vs. 14 de media dos outros 5 anos). Tamén hai que salientar que todos os anos houbo algún rexistro en todos os concellos.

2) Especies e número de individuos. Foron rexistrados exemplares de 9 especies diferentes (7 de cetáceos con 95 individuos; 1 de tartarugas con 6 individuos; e 1 de foca con 2 individuos). Cumpre salientar que no 2010 se rexistrou un exemplar subadulto de arroaz boto e no 2011 un arroaz adulto, especies pouco habituais nos nosos rexistros. Así mesmo, o exemplar de arroaz, que mediu 342 cm, é o segundo mais grande dos rexistrados pola CEMMA en toda Galicia dende o ano 1990.

3) Cetáceos. Dentro dos cetáceos, a maioría correspóndense con golfiños (80 individuos, aínda que 9 deles no puideron ser identificados); como se podería deducir do seu nome común, os golfiños comúns con 69 dos 71 individuos identificados foron os mais numerosos con moita diferenza.

4) Concellos e número de individuos. A costa Baixomiñota está moi desigualmente repartida entre os 3 concellos (Oia, O Rosal e A Guarda) que limitan ao oeste co océano Atlántico. Mais da metade da liña de costa pertence ao concello de Oia, logo, moi de lonxe, estaría o de A Guarda, e finalmente o de O Rosal. Isto xustificaría, polo menos en parte, que o maior número de rexistros os 6 últimos anos se deran na costa de Oia (66 rexistros nos 6 anos; media de 11 por ano) e que na costa rosaleira so se rexistraran 10 exemplares nos mesmos anos (media aproximada de 1,5 por ano); os 27 restantes foron rexistrados na costa guardesa (media de 4,5 por ano). A diferente intensidade de prospeccións pola costa dos 3 concellos tamén podería ser un factor diferenciador no número de achádegos efectuados en cada un deles.

5) Concellos e especies. O golfiño común foi rexistrado todos os anos en todos os concellos con so dúas excepcións: o ano 2006 no concello de O Rosal e o 2009 no de A Guarda. Estes dous concellos repártense os dous exemplares de golfiño riscado rexistrados, non habendo, pois, ningún rexistro no concello de Oia a pesar de ser o que mais costa e rexistros ten. Nembargante, todos os rexistros de caldeiróns (7) foron no concello de Oia. Os 4 rorcuais repártense entre os concellos de Oia (3) e O Rosal (1). As restantes 3 especies de cetáceos rexistrados, dúas toniñas (anos 2007 e 2010), un arroaz boto (2010) e un arroaz (2011)  apareceron todos eles na costa do concello de Oia.Os 6 exemplares de tartarugas están repartidos entre os 3 concellos, con clara maioría no de Oia con 4 rexistros. Finalmente, as dúas focas foron rexistradas o mesmo ano (2006) no concello de A Guarda.  

Resumo por anos, especies e concellos:

2011: 15 golfiños (10 de golfiño común e 5 sen identificar): 8 (Oia), 4 (A Guarda) e 3 (O Rosal); 1 rorcual (Oia), e 1 arroaz (Oia). 17 rexistros.

2010: 9 golfiños (8 de golfiño común e 1 sen identificar): 5 (Oia), 3 (A Guarda) e 1 (O Rosal); 1 caldeirón (Oia); 1 toniña (Oia), e 2 tartarugas (Oia); 1 arroaz boto (Oia). 14 rexistros.

2009: 9 golfiños (todos de golfiño común): 8 (Oia) e 1 (O Rosal); 2 caldeiróns (Oia); 1 rorcual (Oia), e 2 tartarugas (A Guarda e Oia). 14 rexistros.

2008: 3 caldeiróns (Oia), 27 golfiños (8 A Guarda; 1, O Rosal; 18, Oia), 1 rorcual (Oia), 1 golfiño sen determinar (Oia), e 1 tartaruga (O Rosal). 33 rexistros.

2007: 1 caldeirón (Oia), 8 golfiños (2 A Guarda; 1, O Rosal; 5, Oia), 1 rorcual (O Rosal), 1 golfiño sen determinar (Oia) e unha toniña (Oia). 12 rexistros.

2006: 10 golfiños (7 A Guarda: 5 comúns, 1 riscado e 1 sen identificar; 1, O Rosal (riscado); 2, Oia: comúns), 2 focas gris (A Guarda) e unha tartaruga (Oia). 13 rexistros.

 

 

 

 

VARIOS CETÁCEOS FORON ATOPADOS NOS ÚLTIMOS PASEOS COSTEIROS

 

Actualizada o 05-04-2010

 

Por Manuel A. Pombal Diego "Peque"

Estes últimos días de mareas vivas e forte marexada realizamos varios paseos prospectando boa parte da costa Baixomiñota, sobre todo da do concello de Oia. Durante o primeiro deles, e tamén o mais curto, celebrado o venres 26 de marzo á tardiña polos arredores do Porto de Tuiberde (Mougás-Oia) atopamos un golfiño común (Delphinus delphis) bastante deteriorado enfronte A Fracha. Estaba entre uns rochedos de gran tamaño e era visible dende a estrada que pasa polo antigo cámping de Mougás na zona do Aguncheiro. Tres días mais tarde, xa fora desprazado polo mar ata a parte norte do Porto de Tuiberde.

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

COMPARATIVA DOS VARAMENTOS LOCALIZADOS NO BAIXO MIÑO NOS ÚLTIMOS ANOS.

 

Actualizada o 26-01-2010

Por Manuel A. Pombal Diego "Peque"

        Cos dous últimos golfiños rexistrados no mes de decembro o 2009 rematou cun total de 14 rexistros, un número moi parecido os dos anos 2006 (13 rexistros) e 2007 (12 rexistros), pero moi inferior ó do 2008 que ascendeu a 33 rexistros. Dos 14 rexistros do 2009, 12 foron localizados no concello de Oia, 1 no de A Guarda, e outro (o último do ano) no de O Rosal. Deles, 9 foron de golfiños (todos golfiños comúns), 2 caldeiróns, 1 rorcual e dúas tartarugas. Na seguinte táboa amósanse os datos de todos os rexistros realizados durante os 4 últimos anos (2006-2009).

 

 

-----------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

COMPARATIVA 2008-2009

Texto e fotos: Manuel A. Pombal Diego

 

Actualizado o 18-05-2009

 

Os últimos achádegos no que levamos do mes de maio (dous golfiños, dous caldeiróns e un rorcual alibranco), xunto cos catro golfiños dos meses anteriores completan un total de 9 cetáceos varados na costa Baixomiñota no presente ano 2009. É dicir, mais da metade foron rexistrados nos primeiros 17 días de maio. A estas alturas do mes o ano pasado xa levábamos rexistrados 19 cetáceos, sendo o mes de abril o de maior número de rexistros (con 6 golfiños e un caldeirón). Curiosamente este ano todos os rexistros se produciron na costa do concello de Oia (onde tamén se atopou una tartaruga de coiro a primeira semana de xaneiro).

----------------------------------------------------------------------------------------------

RESUMO VARAMENTOS DOS PRIMEIROS SEIS MESES DO ANO 2008

 

Actualizado o 30-09-2008

 

Ata o mes de xuño pasado, ANABAM leva rexistrados na costa do Baixo Miño nada menos que 30 cadáveres de cetáceos, a maioría deles correspondentes ao golfiño común. Esta especie, con 25 exemplares, ocupa o primeiro posto en número de varamentos, seguida logo do caldeirón, con 3 individuos e a continuación 1 rorcual alibranco, ademais dun golfiño que non se puido identificar a que especie pertencía.

 

      Na gráfica adxunta, pode apreciarse perfectamente a relación de varamentos.

 

 

--------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------------

 

VARAMENTOS NOS CINCO PRIMEIROS MESES DO ANO 2008

 

Actualizado o 29-05-2008

 

 

 

 Nos cinco primeiros meses deste ano 2008, o número de varamentos rexistrados supera os 25 exemplares, o que representa máis do doble dos contabilizados o pasado ano. Estes datos reflicten un notable incremento, especialmente de cetáceos, que arrastrados pola marea e as correntes, viñeron parar á costa do Baixo Miño, pero tamén obedece a que os efectivos adicados á prospección costeira melloraron, de tal xeito que se fan prospeccións con máis intensidade que os que se viñan levando a cabo ata o pasado ano.

 

 

 Tal e como podemos apreciar nos gráficos, o golfiño común (Delphinus delphis) é a especie máis numerosa e representativa nos varamentos que se producen na costa baixomiñota. Iso danos tamén unha idea de que estes animais frecuentan as augas próximas e son habituais víctimas dos aparellos de pesca.

Delphinus sp. Golfiño sen identificar 1 exemplar
Delphinus delphis Golfiño común 24 exemplares
Globicephala melas Caldeirón 2 exemplares
Balaenoptera acutorostrata Rorcual alibranco 1 exemplar
Dermochelys coriacea Tartaruga de coiro 1 exemplar
    29 exemplares