PATRIMONIO ETNOGRAFICO, ARQUEOLÓXICO, CULTURAL...

 

POZO DO ARCO

(Burgueira,Tomiño)

 

Cadrícula: 15-50

 

Equipo de Campo: Carlos Angíliza Entenza, Silvia Bautista Salgueiriño, Luis Dorado Senra; Agustín Ferreira Lorenzo, Antón Ferreira Lorenzo, Noé Ferreira Rodríguez,  Mª Consuelo González de Dios, Manuel A. Pombal Diego, Ricardo Portela Vilas, Fco. Javier Sánchez González, Ricardo da Silva Diz, Ángeles Villasenín Álvarez

 

 

IR Á PORTADA

 

IR A MAPA INTERACTIVO

 

Nota: Premer nos enlaces do texto para ir a máis información.

 

  Actualizada o 22-11-2016

 

  Texto e fotos: Agustín Ferreira L.-anabam

 

 

 

 

 

Ubicación da zona denominada Pozo do Arco a través da foto aérea tomada do SIGPAC.

 

 

 

     Encaixoado entre blocos graníticos, discorre o río Tamuxe ladeira abaixo, aquí coñecido co nome de río Carballas, non sen antes quedar ferido pola omnipresente man do Homo sapiens. En efecto, a menos de medio quilómetro do Pozo do Arco, unha infranqueable barreira cruza o estreito río dunha a outra beira, impedindo o intercambio de vida piscícola entre o tramo inferior e o tramo superior.

 

     A fermosa paisaxe, ata hai uns anos extremadamente tranquila, vése agora perturbada polo bulicio veraniego dos que se achegan ata as súas pozas, verdadeiras piscinas naturais, nas que paulatinamente parece aumentar a presenza humana.

 

          Unha pequena parte deste entorno transformouse nunha área recreativa con papeleiras que parece que ninguén vacía. A dicir verdade, poñer papeleiras nestas zonas onde a recollida de lixo non chega, parece un insulto á nai natureza. Pero é máis, deberíamos concienzarnos para que non fose necesario que eses recipientes estivesen alí. Sencillamente os usuarios da zona terían que levar o que previamente trouxeron. Porque como dí un deses consellos que circulan polas redes sociais:  a parte de cariño e respecto esta montaña non necesita nada do que traes.

       

     

 

        A ponte de madeira construída no ano 2012, de preto de 20 metros de lonxitude, cruza o río Carballas. O impacto ambiental en canto á transformación da zona é mínimo ao utilizar elementos naturais como a madeira ou pedra e os sendeiros foron construídos aproveitando pistas xa existentes, sendo estas de terra. O impacto visual, aínda que existente, non o consideramos negativo polas características da ponte de madeira.

 

    Si pode chegar a ser importante o impacto humano no verán, sobre todo no que respecta aos residuos que se deixan no entorno incluídas as papeleiras. Observamos que estas chegan a permanecer semanas sen ser vaciadas.

 

    

     

 

       Unha grande poza no curso do río serve como piscina natural aos que se achegan a esta paraxe. Aínda que de momento o impacto humano non é grande, non se pode descartar que no futuro poida ser importante. Esperamos que os usuarios minimicen o seu impacto con tres medidas importantes:

 

       1/ Non deixar na zona ningún residuo. Non custa nada levar o que se trae.

 

      2/ Evitar meterse na auga logo da utilización de produtos como cremas, aceites, etc para que estes residuos non vaian ao río diluídos coa auga.

 

     3/ Respectar en todo momento o entorno

     

 

      Dende a Ponte do Arco podemos ver a magnífica vista dun entorno natural envexable, onde se mesturan a vexetación, as augas e os rochedos graníticos.

     

 

      Na marxe esquerda, unha estreita senda bordeada dun valado discorre paralela ao río. Hai que ter coidado co valado porque puidemos comprobar que algúns tramos estaban deteriorados ou mal anclados co conseguinte perigo de apoiarnos neles e caer perigosamente ao leito rochoso.

     

 

     O entorno, como podemos ver nas fotografías, transformouse someramente para favorecer o tránsito de persoas así como a estancia dos usuarios neste recuncho de augas desbocadas no inverno e apenas delgados fíos no período estival.

 

      A obra foi realizada pola Comunidade de Montes Veciñais en Man Común da parroquia de Burgueira no ano 2012, contando para iso con fondos da Unión Europeo (Feader), a Xunta de Galicia (Agader), o Ministerio de Agricultura, Alimentación e Medio Ambiente e da propia comunidade de montes.

 

    No entorno atoparemos dous muíños daqueles que deixaron de funcionar na década dos setenta.