|

O mascato é unha das aves que son
recollidas habitualmente por ANABAM en mal estado. As causas soen ser por
petróleo, como é o caso que nos ocupa. Nesta ocasión, o exemplar da
fotografía, un individuos adulto, apareceu nunha finca do Coruto Vello (A
Guarda). Foinos entregado por Jose Rodríguez Alfonso, a quen agradecemos a
súa dispoñibilidade para que recolléramos a ave. A mesma presentaba unha
mancha por petróleo no lateral esquerdo e estaba incapacitada para voar,
posiblemente polo "piche" ou "chapapote" que impregnaba as súas plumas e tal
vez por tragar restos do mesmo ao tratar de se limpar. A maior parte do
corpo, como se aprecia na fotografía, non presentaba ningún tipo de
problema. A ave foi enviada, a través dos axentes de conservación da
natureza que pasaron a recollela, ao Centro de Recuperación de Fauna de
Pontevedra.
¡ATENCIÓN!
As persoas que
recollan aves deben ter suma precaución co peteiro, sobre todo certas aves,
como esta ou as garzas, gaivotas, etc., xa que o picotazo pode causar
feridas graves, principalmente cando vai dirixido á cara, podendo chegar aos
ollos con consecuencias manifestas. Un dos métodos é botarlles unha peza de
roupa que as cubra, así estarán indefensas, e logo agarrala con firmeza polo
pescozo, dirixindo este cara abaixo, para introducila posteriormente nunha
caixa ou, mellor, nun saco e logo levala ao local de ANABAM. De non ser
capaces de levar a cabo esta operación, poñerse en contacto
con esta asociación, onde algún membro da mesma tratará de recollela
tan pronto lles sexa posible.
|

|
Detalle da cabeza do
mascato. O peteiro, longo e forte, é un arma defensiva eficiente que
pode causar serias feridas, polo que convén extremar as precaucións. |
 |
Outro detalle, neste caso dun
ollo do mascato. Estas aves teñen unha vista moi aguzada o que lles
permite seguir con facilidade os bancos de peixes, aos que perseguen nas
súas travesías. |
|