LOBOS MARIÑOS
NO BAIXO MIÑO
Portada
     Ás nove da mañán do domingo 14 de xaneiro, achegábase ata ANABAM un mariñeiro guardés para informarnos que no varadeiro do porto desta localidade había un lobo mariño. Sen demora, trasladámonos ata o citado lugar para ver que se podía facer. Iago Adrover Márquez, foi quen nos avisou e quen primeiro viu o lobo cando ía ao peirao para saír botar as redes.
  
      El, xunto a outros compañeiros de profesión, non dubidaron en coller o animal e metelo nunha caixa de peixe á espera de que chegáramos nós.
 
     Tratábase dunha cría de poucos meses, posiblemente tres ou catro meses, que probablemente polos temporais ou polas corrientes, deixou a súa habitual zona, no mar do Norte, para chegar ata a costa galega, neste caso particular, do Baixo Miño.
 
      Trátase dun macho de lobo mariño cincento, duns 0'80 metros de lonxitude e, aparentemente, en bo estado, si ben algo cansado. Os machos adultos desta especie poden acadar os tres metros e chegar pesar preto de 400 quilos.
 
 
      Logo dunha primeira inspección ocular, chamamos a CEMMA para o seu traslado a UCI de Nigrán. Alfredo López, xunto con outra colaboradora, Marta Dacosta, achegáronse a iso das once da mañán coa unidade móbil. O animal, que xa empezaba a estar quente, cousa non recomendable, xa que son de augas frías, foi metido nunha gaiola e traslado ao centro do Val Miñor, onde será sometido a observacións e aos cuidados pertinentes. Se todo vai ben e tan pronto a súa recuperación sexa a axeitada, será embarcado nalgún dos pesqueiros que faenan no Gran Sol e alí será liberado para que estea no seu ambiente e entre os da súa especie. 
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam
      Grupo de mariñeiros que colaboraron no rescate do lobo mariño e cuidaron del ata a nosa chegada. Na fotografía, observando o animal cando o meteron na caixa de peixe. Á dereita, de amarelo, Iago Adrover,  que foi o primeiro en ver o animal, cando abriu o portalón da zona de embarcacións, e quen nos avisou da súa presenza. A todos eles vaia o noso agradecemnto tanto polo rescate como pola preocupación amosada  e por poñerse en comunicación con nós.
       Este é o cuarto rexistro dun lobo mariño na costa do Baixo Miño. No mes de maio do ano 1986, o director do colexio público de Oia, nos chamaba para informarnos que recolleran na costa, nas proximidades do colexio, unha cría de lobo mariño. O animal viña moi mermado fisicamente. Diante do panorama que nos mostraba telefonicamente o director do colexio, optamos por chamar ao director do Parque Zoolóxico da madroa (Vigo), Juan A. Freitas Berbel, quen nos informou que se facía cargo do animal e que se trasladaba de inmediato ata o citado centro de ensino. Nembargantes, en poucas horas o animal morrería.
 
     Identificouse ao exemplar como da especie Monachus monachus,  aínda que erróneamente, xa que en realidade tratábase do lobo mariño de capelo (Cystophora cristata) . Era un exemplar xoven, de case un metro de lonxitude e uns 25 quilos de peso. Ao parecer, este foi o primeiro exemplar do que se ten noticia na costa galega.
 
     O 5 de marzo de 2006, na zona do Seixal, costa sur da Guarda, producíase o 2º achádego dunha foca na costa do Baixo Miño. Tratábase dunha cría de cinco ou seis meses de lobo mariño cincento. Moi activa ainda que presentaba unha ferida profunda nunha das súas extremidades. Foi trasladada pola CEMMA ás súas instalacións de Nigrán, onde se recuperou e foi devolta ás augas do norte. 
 
      No mes de xullo, tamén do ano 2006, aparecía o terceiro exemplar, outro lobo mariño cincento,  neste caso na praia de Camposancos (A Guarda), en plena desembocadura do Miño. Falecería no mesmo lugar onde se atopou, no extremo sur da praia do Puntal. A causa probable da súa morte puido ser un anzó que tragara.
CUARTO ACHÁDEGO DUN LOBO MARIÑO NA COSTA DO BAIXO MIÑO 
Halichoerus grypus
anabam_web004003.jpg
Fauna
Esta sección fáese coa colaboración de CEMMA