INFORMACIÓN
Camariña (Corema album). No norte portugués soamente a atopamos na Mata Nacional do Camarido, no municipio de Caminha.
Dende o ano 2012 vimos traballando no norte portugués na prote´ción, conservación e estudo do borrelho-de-coleira-interrompida. Na fotografía, un polo de borrelho.
ANABAM DESENVOLVERÁ SEIS PROXECTOS NA FRANXA MARÍTIMO FLUVIAL DO NORTE PORTUGUÉS
     ANABAM ten programadas diferentes accións a desenvolver no norte portugués ao longo deste ano 2018, pero principalmente de aquí ata agosto.
 
     As accións previstas, seis en total, son as seguintes:
 
     -Proxecto Borrelho: consistente na protección, conservación e divulgación relacionadas co borrelho-de-coleira-interrompida (Charadrius alexandrinus) nas praias do Camarido, Moledo, Âncora e Gelfa, Afife, Arda e Paçô.
 
     -Proxecto Larus: Levaremos a cabo un censo das gaivotas nidificantes no núcleo rural de Caminha así como o número de polos que nazan. Saberemos, por primeira vez, da situación desta especie como ave nidificante na veciña vila. A área de acción será, inicialmente, o núcleo urbano de Caminha, puidendo estenderse a outros núcleos, principalmente Moledo e Vila Praia de Âncora.
 
     -Proxecto Camarinha: Caminha, máis concretamente o piñeiral de Camarido así como uns 30 metros de duna na praia de Moledo, conta coa única poboación de camariña (Corema album) do norte portugués. Habería que desprazarse máis de cento cincuenta quilómetros cara ao sur, para volver atoparnos con esta especie. ANABAM, que vén prestando atención á camariña dende hai anos, vai desenvolver neste 2018, unha triple acción: censar os exemplares existentes, xeorreferencialos, tomar medidas de protección, en forma de valado de 30 exemplares, e colocar pequenos paneis informativos para divulgar o coñecemento desta especie así como concienciar e sensibilizar á poboación. Área de actuación: Mata Nacional do Camarido.
 
     Proxecto Eurynebria: O escaravello da praia, Eurynebria complanata, xa está a dar os ultimos coletazos no norte portugués. Imos tratar de ver se aínda queda algún exemplar nas praias comprendidas entre a praia da Foz e a praia de Paçô, nun traxecto de 15 quilómetros de lonxitude, onde ata hai dez anos era común atopalo pero que agora mesmo parece que practicamente desapareceo.
 
     Proxecto andoriña de cu branco: Delichon urbica é o nome científica dunha das aves que empeza a pasar por unha situación que poderiamos calificar como crítica. A andoriña de cu branco atópase na corda frouxa. Nos últimos anos a poboación desta ave descendeu alarmantemente. Pero, cal é en realidade a situación actual? Iso é o que imos tratar de saber nos próximos meses. Área de actuación: dende valença ata Vila Praia de Âncora.
 
    Honckenya peploides: Unha das plantas máis ameazadas dos nosos areais. No Baixo Miño galego soamente podemos vela en Mougás (Oia), en Caminha queda unha pequena superficie na praia de Moledo, e outra na praia de Vila Praia de Âncora. Posiblemente, a curto prazo haxa que tomar medidas se non queremos que desapareza, pero para iso, debemos estudar cal é a situación actual. Aí é onde imos traballar neste ano. Saber verdadeiramente como está esta planta na costa do norte portugués.
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
23-03-2018
PORTADA 
LEMBRA QUE PODES BOTAR UNHA MAN COMO VOLUNTARI@ 
 
PODES INSCRIBIRTE COMO TAL PREMENDO AQUÍ
ÍNDICE INFORMACIÓN 
SEGUINTE