HONCKENYA PEPLOIDES

e GLAUCIUM FLAVUM
   CAMPAÑA DE REINTRODUCIÓN DE  
     Honckenia peploides, é unha das plantas desaparecidas (non se sabe dende cando) do municipio guardés. A única información que temos dela corresponde á cita do xesuíta e botánico Baltasar Merino, quen, na súa obra Flora descriptiva e ilustrada de Galicia, publicada no ano 1905, ou sexa, hai máis dun século, dicía que se atopaba nos areais da desembocadura do Miño (pensamos que faría referencia á praia de Camposancos, e, máis concretamente, á praia do Puntal, que é a que presenta as condicións máis axeitadas para que se dera nese enclave). Paradoxicamente non a cita en nigunha outra localidade do Baixo Miño, pero ANABAM descubriu, xa hai uns anos, a súa presenza nunha pequena praia de Mougás, onde ocupa unha superficie duns 80 metros cadrados.
 
      A outra planta que forma parte desta nova campaña de reintrodución de especies ameazadas ou desaprecidas, é Glaucium flavum, papoula marítima. Aínda que está presente na Guarda, o número de exemplares non chega a dez e a súa situación neste concello é preocupante, pola situación crítica na que se atopa, pois en tódolos casos, está en lugares susceptibles de ser doadamente modificados, concretamente nos bordes de sendas que, mesmo, chegan a ser desbrozados cada ano.
     Diante desta situación, decidimos acometer no presente ano (2018) traballos de reintrodución de ámbalas dúas especies. No pasado mes de marzo realizamos unha pequena plantación de Honckenya peploides con algúns exemplares traídos da praia de Moledo, no outro lado do Miño, co obxecto de ver como respondían de cara ao verán. O resultado, despois dos cinco primeiros meses, parece que é moi positivo, pois a primeiros de setembro seguían os mesmos, conseguindo pasar a etapa máis dura: a seca estival. É esta a segunda vez que tratamos de reintroducir esta especie na zona, a primeira, xa hai algúns anos, fracasou.
 
     Dende este mes de agosto (2018) estamos a recoller un bo número de vainas de Glaucium flavum procedentes de tres puntos, dous da Guarda: Cetáreas do norte e tramo costeiro fronte ao pabellón de Solanas,  e un de Oia, na esplanada das Orelludas, lugar onde se atopa o maior número de pes presentes na bisbarra.
 
     A partir de finais deste mes de setembro, elexiremos tres ou catro puntos onde botaremos as sementesde papoula marítima e logo faremos un seguimento dos mesmos para ver o resultado. Se todo vai como esperamos, contamos con cuadriplicar, como mínimo, a poboación desta especie nos próximos dous anos.
 
     En canto a H. peploides, seguiremos aportando algúns exemplares máis, entre finais deste ano e primeiros meses do ano que vén. Ao igual que coa especie anterior, levaremos a cabo un seguimento para ver como se desenvolve a plantación.
 
    
     As flechas amarelas sinalan os puntos onde se localizaron os poucos pes de G flavum na Guarda. Porén, nin o pasado ano nin neste puidemos ver nin un só exemplar no lugar que sinala a flecha amarela inferior. Fronte ao pabellón de Solanas, flecha amarela central, localízase o maior número de pes existentes na vila guardesa, mentre que na zona das cetáreas do norte (flecha amarela superior) contabilizamos neste ano (2018) unicamente catro exemplares.
     Tamén temos que sinalar que neste mesmo verán desbrozouse a zona do pabellón, por sorte os pes que había volveron rebrotar e dar novamente flor, pero de continuar con esta acción o máis probable é que acaben desaparecendo definitivamente.
 
     En canto á flecha vermella, sinala o lugar onde tratamos de recuperar H. peploides e, polo tanto, onde fixemos a plantación incial. Os resultados, como comentamos noutra parte, están sendo esperanzadores, pero haberá que ver como se desenvolve na vindeira tempada.
    
Honckenya peploides 
     Arriba, o autor deste artigo e á dereita, Luis Dorado e o autor, realizando a plantación de H. peploides na praia do Puntal, o pasado mes de marzo. (Fotografías de M. Consuelo González de Dios-anabam)   
     No ano 2001 iniciamos na praia de Camposancos o Proxecto Otanthus para recuperar esta especie que desaparecera da mesma, debido a unha bestial limpeza efectuada no areal. No ano 2015 xa puidemos sacala do PLAN DE ESPECIAL SEGUIMENTO (P.E.S) desenvolvido por ANABAM e que se centra nas especies de flora e fauna ameazadas ou que desapareceron da bisbarra, dado que o número de exemplares se multiplicou por máis de dez, con respecto aos que había ata o ano 2000.
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
 
Setembro, 2018
     Unha socia de ANABAM, Araceli, recollendo vainas de Glaucium flavum na esplanada das Orelludas (setembro, 2018). As sementes recolectadas se botarán despois nos lugares seleccionados para facer o seguimento e ver o resultado acadado.
 
PORTADA          INDICE ESPECIES
Máis información sobre Honckenya peploides