Eurynebria complanata (II)
Foto 10
Foto 9
Foto 8
Foto 7
Foto 6
Foto 5
Foto4
Foto3
Foto2
Foto1

NO ANO 2008 A XUNTA DENEGA A NOSA

PETICIÓN PARA PROTEXER O ESCARAVELLO DA PRAIA (Eurynebria complanata)

     Logo de varios anos de estar pendentes da nosa solicitude para que esta especie fose incluída no catálogo citado, chegou o mazazo, non para nós, senón para a protección da Eurynebria, de que a mesma non estaría cualificada como unha especie ameazada. Sábese que estes coleópteros están en regresión e que desapareceron xa de moitas praias, como acontece nalgunhas de Francia (Ives Dachy, 1982), o que non podemos é esperar a que aquí acabemos por chegar a unha situación crítica. Sería lamentable. De todos é coñecido que o seu hábitat sufre directamente as consecuencias da actividade humana, sobre todo a limpeza de areais e utilización masiva dos mesmos. ANABAM non se resignará a esta situación, e seguiremos insistindo, unha e outra vez, ata conseguir que Eurynebria complanata, sexa declarada unha especie ameazada.

     Transcribimos a continuación o escrito remitido a esta asociación con rexistro de saída do 21 de abril de 2009, nº 9.956, da Consellería de Medio Ambiente e Desenvolvemento Sostible:

Asunto: Resolución da solicitude de catalogación de Eurynebria complanta (Lnnaeus 1767) no catálogo Galego de Especies Ameazadas (expediente CGEA/2008/02).

       Vista a solicitude formulada por D. Agustín Ferreira Lorenzo, en representación da Asociación Naturalista Baixo Miño, con enderezo no Apdo.59, A Guarda, Pontevedra, pola que solicita a catalogación de Eurynebria complanata (Linnaeus 1767), no Catálogo Galego de Especies Ameazadas, creado segundo o establecido no artigo 49º da Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza e regulado polo Decreto 88/2007, do 9 de maio, polo que se regula o Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

      Visto o informe de valoración da solicitude de inclusión no Catálogo Galego de Especies Ameazadas do Observatorio galego da Biodiversidade con data 25/09/2008 e con número de expediente CGEA/2008/02.

       Visto o escrito de alegación remitido polo solicitantes con data 04/12/08.

      Vista a Lei 9/2001, do 21 de agosto, de conservación da natureza.

      Visto o Decreto 88/2007, do 9 de maio, polo que se regula o catálogo Galego de Especies Ameazadas.

      Visto o Decreto 260/2007, do 13 de decembro, polo que se crea o Observatorio Galego da Biodiversidade e se determinan as súas funcións, composición e funcionamento.

      Considerando que, segundo o ditame do Observatorio Galego da Biodiversidade, a especie obxecto da solicitude non presenta unha situación de ameaza e necesidade de medidas de protección específicas definidas segundo os criterios recollidos no artigo 6.2º e no anexo V do Decreto 88/2007, do 9 de maio, polo que se regula o Catálogo galego de Especies Ameazadas.

      Tendo en conta as competencias que me confire o Decreto 213/2005, do 3 de agosto, polo que se nomean os titulares dos departamentos da Xunta de Galicia, e o Decreto 211/2005, do 3 de agosto, polo que se establece a estrutura orgánica da Xunta de Galicia, considerando os informes emitidos,

      RESOLVO:

a) DENEGAR A CATALOGACIÓN de Eurynebria complanata (Linnaeus 1767) no Catálogo Galego de Especies Ameazadas.

      Contra esta resolución poderase, de conformidade cos artigos 107.1, 114 e 115 da Lei 4/1999, de modificación da Lei 30/1992, do 26 de novembro, de réxime xurídico das administracións públicas e do procedemento administrativo común, interpor recurso de alzada perante o Conselleiro de Medio Ambiente, nun prazo dun mes contado dende o día seguinte ó da recepción da comunicación.

Santiago de Compostela, a 17 de abril de 2009

O DIRECTOR XERAL DE CONSERVACIÓN DA NATUREZA

Asdo. Xosé Benito Reza Rodríguez

 

 

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

Actualización: 04-05-2009

SECCIÓN  ENTOMOLÓXICA: PELEGRÍN FRANGANILLO
Portada    Biodiversidade   Fauna   Coleópteros    Carábidos
 Eurynebria (I)