CONFERENCIA INTERNACIONAL DELTANET 2011 - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

CONFERENCIA INTERNACIONAL DELTANET 2011

ANABAM > SOBRE NÓS
Ao abeiro do proxecto internacional DeltaNet

Universidade de Vigo e ANABAM colaboran no estudo e conservación do esteiro do Minho

M. DEL RÍO DUVI
29/09/2011

    Os esteiros son zoas sensibles pero moitas veces tamén ameazadas. Para analizar e propoñer respostas a estas situacións naceu DeltaNet, proxecto internacional que pretende mellorar a gobernanza das rexións europeas con esteiros, mediante a creación dunha rede de cooperación. A Universidade de Vigo participa nesta rede, composta por 9 rexións de 7 países, coordinando a rede rexional Minhonet a través do grupo de investigación GIEEA. Neste marco realízanse tanto actividades formativas e de debate como estudos e traballos de investigación, tres dos cales foron presentados este mes en Tulcea, Romanía, co gallo da celebración da Conferencia Internacional DeltaNet sobre os deltas e os terreos húmidos, evento preliminar oficial do Sexto Foro Mundial da Auga 2012 que terá lugar en Marsella.

    Lola Domínguez e Luis Martínez son membros do GIEEA, Grupo de Investigación en Economía, Ecoloxía e Agroecoloxía e foron os representantes da Universidade neste foro, xunto a Manuel A. Pombal, profesor da Facultade de Bioloxía que colabora neste proxecto no tocante á saúde ambiental. Xunto con eles, Noé Ferreira, alumno de Bioloxía e membro da xunta directiva de ANABAM, Asociación Naturalista Baixo Miño, á que tamén pertence Pombal.

Froitos do traballo conxunto

   Froito desa colaboración entre Universidade e ANABAM son os traballos presentados neste foro internacional, “dúas ponencias relacionadas coas actividades desenvolvidas por ANABAM no Baixo Miño galego-portugués durante os 26 anos da súa existencia”, explica Manuel Pombal. O propio profesor amosou aos expertos internacionais os casos prácticos de protección e conservación de especies ameazadas no esteiro do Miño. Ademais de comentar os traballos de protección e conservación de especies como o carábido Eurynebria complanata ou as plantas Otanthus maritimus e
Corema album, Pombal explica que se centrou “maioritariamente nun dos proxectos estrela que vimos desenvolvendo en ANABAM dende hai xa mais de 10 anos, o Proxecto Píllara, expondo a súa evolución e os resultados acadados na praia de Camposancos ata o ano 2007, así como o grande éxito acadado este verán cando comezamos co mesmo proxecto, agora baixo a denominación de Proxecto Borrelho, (nome da píllara papuda en portugués) nas praias do norte de Portugal como Camarido, Moledo, Vila Praia de Âncora e Afife”.
Manuel Á. Pombal Diego
Unha solución ao problema do ferry entre A Guarda e Caminha

    Noé Ferreira centrou a súa intervención nas boas prácticas e actividades sostibles desenvolvidas por ANABAM no esteiro do Miño. Ademais de salientar a enorme riqueza natural que posúe o esteiro do Miño, Ferreira fixo especial fincapé en algunhas das actividades levadas a cabo por ANABAM para, por unha banda coñecer, conservar e defender, e por outra por en valor dita riqueza. De xeito máis concreto, Ferreira apuntou o rexeitamento á construción dun porto deportivo, dun campo de golf ou de urbanizar unha das illas do esteiro. Outro dos temas tratados, como explica Manuel A. Pombal, é a polémica do ferry e do posible dragado desta zona do esteiro, unha medida que rexeitan dende Minhonet e á que propoñen unha alternativa para manter o transbordador entre A Guarda e Caminha: o uso da canle natural que tradicionalmente veñen empregando as barcas de pesca, “o cal redundaría nun gran beneficio tanto económico (dragar menos veces e extraer menos area), como medioambiental (menor alteración da zona e menos area acumulada)”.

    Pola súa banda, os investigadores do GIEEA Lola Domínguez e Luis Martínez e membros de Minhonet participaron nun workshop previo á conferencia internacional especificamente centrado na saúde medioambiental do esteiro e na sedimentación e riscos de inundación. Alí, explica Lola Domínguez, “presentamos as boas prácticas en canto a saúde medioambiental e asistimos a presentación dun estudio externo no que colaboramos sobre sedimentación e riscos de inundación para os esteiros do Miño e do Elba e os deltas do Vistula, Danubio e Ebro”.

    A programación do proxecto DeltaNet comprende dúas conferencias máis, a primeira delas versará sobre a concienciación sobre os problemas dos deltas e terá lugar en Gdansk, Polonia, en maio de 2012, mentres que a segunda abordará as políticas coordinadas para os deltas e será en Bélxica no outono de 2012.
Noé Ferreira Rodríguez
Regreso al contenido