PROJETO BORRELHO 2011 - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

PROJETO BORRELHO 2011

COLABORA > ENVIO DATOS FAUNA-FLORA > PROXECTOS > PROJETO BORRELHO > PROXECTO BORRELHO 2011-2012
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

Actualización: Agosto, 2011
    Coa visita efectuada o sábado 6 de agosto, na que foron observados dous polos nacidos o día 3, (o terceiro ovo non eclosionou), damos por rematada a primeira tempada do Projecto Borrelho nas veciñas praias existentes entre Caminha e Paçó, un tramo duns 18 quilómetros de costa ao longo do litoral norte portugués.
   Este proxecto de protección da píllara papuda (borrelho-de-coleira-interrompida) é o primeiro que se leva a cabo nas citadas praias, se ben, houbo un intento, no pasado ano, por parte da Cámara de Viana do Castelo, baseado no desenvolvido pola nosa asociación na praia de Camposancos, que non culminou con éxito. Pode que tamén sexa un dos primeiros, senón o único, que se leva a cabo en Portugal sobre esta especie.

    O principal obxectivo que persegue ANABAM, é o de facilitar a nidificación de Charadrius alexandrinus, por iso, tamén pretendemos que este proxecto se estenda a tódalas áreas de nidificación desta especie, única forma de garantir que se podan acadar cifras practicamente do 100 % en canto ao número de nacementos, e de entre o 50% e o 100% de éxito en canto a polos que completen o seu ciclo totalmente.

 Pódese dicir que a viabilidade desta especie nas nosas praias, cada vez máis intensamente explotadas pola actividade humana, depende directamente das medidas de protección que se poñan en práctica polos propios responsables da súa principal ameaza: o home. Por iso, dende ANABAM queremos estender estas medidas así coma concienciar e responsabilizar aos directamente implicados nas ameazas á especie: usuarios e administración.

   Dos estudos que levemos a cabo nas próximas tempadas de nidificación e das medidas de protección que empreguemos, dependerá que a píllara papuda/borrelho-de-coleira-interrompida, poda seguir estando presentes nas nosas praias.
  Xa, para rematar, quédanos agora recopilar e estudar os datos tomados ao longo deste catro meses que durou a campaña (de mediados de abril a practicamente mediados de agosto), redactar a memoria e editar un vídeo desta primeira tempada.
   Queremos deixar constancia das persoas que ao longo destes meses se volcaron no proxecto, especialmente aquelas que se implicaron directamente no mesmo: Angílica Entenza, Carlos; Dorado Senra, Luis; Ferreira Lorenzo, Agustín, (coordinador do proxecto); Ferreira Lorenzo, Antonio; González de Dios, Mª Consuelo; Jiménez Redondo, Antonio; Pombal Diego, Manuel A.;  Portela Vilas, Ricardo e Vasconcelos Domingo (do Nuceartes).
   Agradecemos á Weeden Foundation, o apoio económico a este proxecto que nos permitiu afrontar os gastos que xera o mesmo.
  
Noso agradecemento a Cámara Municipal de Caminha, por permitirnos levar a cabo o proxecto e apoair o mesmo dende o primeiro momento.
   Un recoñecemento especial a Domingo Vasconcelos, citado máis arriba, porque dende o primeiro día foi a persoa que, no outro lado do Miño, colaborou intensamente no areal de Vila Praia de Âncora e nos enviou periodicamente información ademais de colocar gaiolas e delimitar a zona de nidificación.

Agustín Ferreira (esquerda), Domingo Vasconcelos (centro) e Luis Dorado (dereita), nunha das visitas ao areal de Vila Praia de Âncora. Domingo Vasconcelos, integrante do grupo local NUCEARTES, colaborou dende o primeiro día no proxecto, polo que o seu esforzo e dedicación foi fundamental na protección dos niños de borrelho-de-coleira-interrompida na praia de Âncora.
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Fotos: Luis Dorado Senra

Actualización: Maio, 2011
O sábado 30 de abril, membros de ANABAM e COREMA, achegábanse ata os areais de Moledo e Vila Praia para facer un seguimento dos niños de píllara papuda.
  A grande sorpresa foi na primeira das praias citadas, coa observación dos tres primeiros polos da tempada, algo que non esperabamos ata máis adiante. Foi a ledicia de todos nós e dos documentalistas que nos acompañaban.

Preto dunha hora estivemos gozando coa observación da familia píllara. Fotos, filmacións, comentarios..., foi impresionante o espectáculo.

O día, moi anubado, ameazante e, ao final, chuvioso, non impediu que desplazaramos ata o areal de Vila Praia o material para a protección dos niños. material que nos subministrou a Cámara Municipal de Caminha. A idea era a de protexer o niño observado unha semana antes..., pero xa chegamos tarde. Non había rastro del. Posiblemente, o domingo un de xaneiro, que fixo un excelente tempo, motivou unha masiva presenza de usuarios no areal e o niño sucumbira accidentalmente. Así que, o esforzo deste día na citada praia foi inútil. Ademais da molladura, non observamos ningún outro niño.
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
Ricardo Portela Vilas

Actualización: Abril, 2011
ANABAM IMPULSA NO VECIÑO PAÍS O
PROJECTO BORRELHO

PRIMEIRA ENTREVISTA
    O presidente de ANABAM trasladouse o martes 12 deste mes de abril á veciña localidade de Caminha para manter unha entrevista co vereador (concelleiro) de Medio Ambiente da Cámara Municipal desa localidade, Flamiano Gonçalves Martins, que, a súa vez, é o Vice-presidente da Cámara. O motivo foi expoñerlle o proxecto Píllara (projecto Borrelho)ideado por ANABAM para trasladalo ao país veciño e poñelo en práctica nas praias de de Caminha, Moledo e Vila Praia de Áncora, ademais da de Afife e Paçó. Na xuntanza, estivo presente tamén o xefe de persoal da citada Cámara, Paulo Marinho.

Xuntanza en Moledo
     O sábado 16, os membros de ANABAM Agustín Ferreira; Antonio Jiménez; Manuel A. Pombal e Ricardo Portela, desprazábanse á praia de Moledo para manter unha reunión con varios representantes de diversas entidades (municipais; marinha portuguesa; ambientalistas; culturais; nais da asociación de pais e nais de alumnos da escola de Moledo; feligresías ...) para explicarlles o proxecto que se pretende levar a cabo nas praias do veciño país onde traballa ANABAM, isto é as praias comprendidas entre Caminha e Paçó, nunha franxa duns 15 quilómetros de lonxitude a partir da desembocadura do Miño.
   O interese amosado por tódolos presentes quedou ben patente como se puxo de manifesto na xuntanza, polo que, de manterse este, ANABAM está convencida de que o proxecto pode ser un éxito tanto dende un punto de vista conservacionista como turístico e de imaxe para a Cámara Municipal de Caminha e do municipio en xeral.
  Rematada a reunión a iso das 18.30 horas, logo de hora e media de iniciada, parte dos asistentes acompañaron aos membros de ANABAM a dar un percorrido pola praia de Moledo na procura de niños de píllara onde foron atopados catro que serviron para que observaran a reacción da píllara, a problemática dos niños (os ovos mimetízanse perfectamente coa area) así como a dificultade que teñen para non seren destruídos.
15 entidades estiveron presentes, o pasado sábado día 16, na xuntanza en Moledo para promover o Projecto Borrelho, cuxa finalidade é a de sumar esforzos para conseguir que a píllara papuda/Borrelho-de-coleira-interrompida, aniñe con éxito nas praias do norte portugués. Posiblemente, esta xuntanza sexa a primeira deste tipo que se leva a cabo na Península en pro desta ave, onde se reuniron entidades oficiais, conservacionistas, do patrimonio, escolas, pais, etc. o que amosa o grande interese que despertou esta campaña. Dende ANABAM temos que agradecer este apoio porque  todos xuntos imos conseguir resultados excelentes para unha especie amenazada que necesita do noso esforzo. Un agradecemento especial para o vereador de Medio Ambiente da Cámara de Caminha, por impulsar esta xuntanza.  As entidades presentes foron as seguintes:
Câmara Municipal de Caminha – Flamiano Martins
CMIA- (Centro de Monitorização e Interpretação Ambiental de Viana do Castelo) – Município de Viana do Castelo - Leonor Cruz
Junta de Freguesia de Moledo – Joaquim Seixo
Junta de Freguesia de Cristelo
Junta de Freguesia de Vila Praia de Âncora
Junta de Freguesía de Âncora
NUCEARTES (Núcleo de Estudos e Artes do Vale do Âncora) – Domingos Vasconcelos
NAIAA-(Núcleo Amador de Investigação Arqueológica de Afife)
APM Associação de Pais de Moledo – Susana Neiva
Corema (Associação de Defesa do Património) – José Gualdino –
ICNB (Instituto da Conservação da Natureza e da Biodiversidade)– Lagido Domingos
Agrupamentos de Escola Coura e Minho – Agostinho Oliveira
Associação de Pais e Encarregados de Educação da EB1/JI de Moledo.
Capitanía do Porto de Caminha
ANABAM-Asociación Naturalista "Baixo Miño"- Agustín Ferreira; Manuel A. Pombal; Ricardo Portela e Antonio Jiménez.


De esquerda á dereita: Agustín Ferreira (ANABAM) explicando o proxecto aos asistentes; representante da Capitanía do Porto de Caminha; Manuel A.Pombal (ANABAM); Flamiano Gonçalves Martíns (Vereador de M.A. e Vice-presidente da Cámara Municipal de Caminha); operarios municipais que van traballar na praia; Paulo Marinho, xefe do persoal da citada Cámara; Lagido Domingos,
por parte do  ICBN; detrás Agostinho Oliveira, profesor e representante do Agrupamento das escolas. (Foto: Ricardo Portela Vilas-anabam).




 


    De esquerda á dereita ;lagido Domingos; detrás o responsable do Gabinete de Comunicación do Concello de Caminha, Marcos Fernandes;  Gualdino Fernandes Correia (Corema);  e representantes dos pais e nais. (Foto: Ricardo Portela Vilas-anabam).

    



    Membro da Asamblea da Freguesía de Vilapraia de Áncora; representante do Naiaa (Afife); Antonio Jiménez (ANABAM);  Leonor Cruz do CIMIA (Viana do Castelo) e Representante da Freguesía de Moledo. (Foto: Ricardo Portela Vilas-anabam).
Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Fotos: Agustín Ferreira Lorenzo

Actualización: Abril, 2011
   No ano 2001, nacía na praia de Camposancos (A Guarda) o Proxecto "Píllara", un traballo de campo que pretendía colaborar na reprodución da píllara papuda (Charadrius alexandrinus) na única praia do Baixo Miño galego onde esta especie aniñaba, pero sempre sen éxito. Logo de sete anos de experiencia, no ano 2007 o Proxecto "Píllara" acadou uns excelentes resultados, practicamente do 100% de éxito.
    As píllaras aniñan na marxe dereita da desembocadura do Miño esporadicamente. En cambio, na marxe esquerda, orla portuguesa, faino en número relativamente importante. Nesa zona, a de traballo de ANABAM (praias dende Caminha ata Paçó, ao sur de Afife) un tramo duns 15 quilómetros, estimamos un mínimo de 20 niños por tempada, pero son escasos os que completan o ciclo e os polos consiguen sair adiante.

    A partir deste ano 2011, o Proxecto "Píllara" trasládase ao veciño país co nome  portugués de Projecto "Borrelho". Temos que sinalar que hai un ano a Cámara de Viana de Castelo quixo poñer en práctica este proxecto nas praias dese municipio (entre elas as de Afife e Paçó)  pero fracasou por diversos motivos.
  Agora ANABAM ponse ao fronte deste proxecto no veciño país, como entidade coordinadora, apoiada pola Cámara Municipal de Caminha, Feligresías de Moledo, Vilapraia de Áncora, asociacións ambientalista e do parimonio (Nuceartes, Naiaa e Corema), Capitanía do Porto de Caminha, Asociación de pais; etc, onde esperamos acadar resultados satisfactorios se contamos coa axuda e colaboración de todos.

    O  Projecto "Borrelho" comezou "oficialmente" o sábado 17 deste mes de abril coa xuntanza mantida na praia de Moledo entre varias entidades e púxose en marcha o domingo 18 coa protección dos niños de píllara papuda (borrelho-de-coleira-interrompida) na que interviron a Marinha portuguesa con sede en Caminha e ANABAM.

   Nos vindeiros días, trataremos de achar novos niños nos areais de influencia de ANABAM, realizar novos contactos coas entidades que van colaborar e non descartamos que o proxecto se expanda ata Viana de Castelo, onde traballan algunhas das persoas que asistiron á xuntanza do pasado día 17 e que poderían iniciar os contactos con responsables da citada Cámara. ANABAM como non pode ser doutro xeito, prestará todo o apoio posible para que as píllaras (borrelhos) poidan aniñar e sacar adiante os seus polos.
Regreso al contenido