AVES  DE  RAPINA  DIURNAS
DO BAIXO MIÑO
MIÑATO  REAL
-Milvus milvus-
Texto e foto: M. X
 

Clase..........................Aves

 Orde..........................Accipitriformes

 Familia......................Accipitridae

 Xénero.......................Milvus

 Especie.....................M. milvus.

     Aínda que a fotografía non é de boa calidade, ten interese como documento acreditativo da observación efectuada e que detallamos nas liñas que van a seguir.

M.X.
 
Datos observación

Lugar e Coordenadas: Esteiro do Miño; 41° 53' 51.6222",

                                                              -8° 50' 54.3156"

Concello: A Guarda

Provincia: Pontevedra

Data: 14 de outubro de 2014

Horario:  Entre as 12:55 e as 13:05 (hora local).

Duración total: 10 min.

 

 

Distancias á ave

    A ave aproxímase dende o leste, sobrevoa o observador e desaparece polo noroeste, polo que se pode ver dende un gran rango de distancias.

 Climatoloxía

  Uns 14º de temperatura no momento da observación

  Vento frouxo do S.

  Ceo con alternancia de claros e nubes. No momento da observación, despexado.

  Luminosidade alta. 

  Durante eses días as temperaturas foron suaves (entre 9 e 15 graos) e alternaron chuvias con períodos de ceo despexado. Os ventos predominantes eran do S/SE.

 

Partes emplumadas

·  Coloración típica dun adulto, nas partes inferiores. Pola posición dende a que se observou, apenas se puideron ver as partes superiores, aínda que si se puido comprobar a cor avermellada típica da especie.

·  Rabo e corpo de cor vermella clara.

· Puntas das ás negras e mancha branca moi evidente que ocupa case todo o ancho da á na metade externa; secundarias e terciarias escuras; cobertoiras de cor pardo-vermello escuro.

· Cabeza de cor branca-prateada.

· 

Partes non emplumadas

·  Peteiro forte e amarelo coa punta negra.

·  Patas amarelas.

 

Comportamento

  Desprázase de leste a oeste, facendo unha breve parada para ciclear sobre a posición do observador, na parte do esteiro onde se alimentan un gran número de limícolas. Despois, segue camiño cara ao noroeste.

 

Circunstancias da observación

A ave foi observada sempre en voo. Apareceu polo leste e estivo cicleando sobre a posición do observador, na beira do esteiro, nun lugar onde adoitan alimentarse multitude de limícolas. Despois, voou cara ao monte Santa Tegra, ao noroeste da posición da observación.

 

Estrutura

·  Rapina de tamaño medio, algo máis longa e estilizada que omiñato queimado (Milvus migrans).

·Ás longas e relativamente estreitas.

·Rabo longo e moi gallado.

·Peteiro forte.

 

Voo

  Voo elegante, pausado, con longos períodos nos que se limita a pairar, cicleando sobre o esteiro. Acompaña os cambios de dirección cun movemento do rabo. Cando decide marchar, semella aumentar a intensidade do bater das ás e incrementar a súa velocidade.

Voz

  Non reclamou durante o período de observación.

        -------------------------------------------------------------------------------------

 Apuntamentos de interese

  A presenza de Milvus milvus na Guarda, e mesmo no Baixo Miño, resulta extremadamente rara. César Vidal, en comunicación persoal, informou dun avistamento anterior "de antes de 1994", pero sen concretar data. Aparte desta, non coñezo outras citas na zona.

   Na zona son frecuentes outras rapinas como Buteo buteo, Accipiter gentilis, Accipiter nisus,Circus aeruginosus , Falco tinnunculusFalco columbarius (en invernada). Hai observacións case frecuentes de Falco peregrinus Circus cyaneus e algunhas observacións ocasionais, en época estival, de Circus pygargus e Falco subbuteo. Nos último anos é habitual a invernada dePandion haliaetus e cada vez son máis frecuentes, aínda que sen ser comúns, as observacións de Elanus caeruleus. Son tamén raras as observacións de Milvus migrans.

25/03/2015
PORTADA
FAUNA
ÍNDICE RAPINAS DIURNAS