PRIMEIROS DATOS DO PICUDO NO

BAIXO MIÑO

Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo-anabam

18/02/2014

Rhynchoforus ferrugineus
SECCIÓN  ENTOMOLÓXICA: PELEGRÍN FRANGANILLO

     O picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus), é un escaravello da orde coleóptera e da familia curculionidae, orixinario de Asia.

     A primeira cita para España foi no ano 1994. Ena Galicia é de xaneiro do ano 2013, en Gondomar (Pontevedra), como quen di, a tres pasos do Baixo Miño, así que, non sería de estranar que xa o tiveramos entre nós.

     Hai un par de semanas (mediados de xaneiro de 2014) o membro de ANABAM e profesor no IES "Escolas Proval" de Nigrán, Salvador Rodríguez Muñoz, traíanos ao local varios exemplares adultos, así como larvas e cápsulas de picudo vermello, recollidas dunha palmeira do citado centro (coordenadas N 42º6'51", W 8º46'48""). O obxecto era observar esta especie exótica e tomar datos da mesma polo que nos poida esperar nun futuro inmediato. Salvador danos conta de que a palmeira foi cortada e se tomaron as pertinentes medidas para evitar a proliferación destes insectos.  

     ANABAM detectou a presencia deste escaravello no Baixo Miño no ano 2014, ao ver as primeiras palmeiras afectadas no núcleo urbano da Guarda, palmeira que estaba no parque infantil fronte ao Convento San Benito,  e outra na entrada de Camposancos, nas proximidades da zona coñecida como "O transformador". 

    

Tocón da palmeira cortada no IES "Escolas Proval", en Nigrán. A palmeira estaba infestada polo picudo e xa moi deteriorada, Dado que non hai, polo de agora, un tratamento eficaz contra este insecto, adoita utilizarse como precaución a corta das palmeiras infestadas.

 

    En ANABAM comprobamos a súa grande resistencia. O ácido acético, que é mortal para os insectos -utilízase habitualmente polos entomólogos- non lles causou efecto algún.

 

(Foto: Salvador Rodríguez Muñoz-anabam)

 

    As larvas poden acadar os 5 cm de lonxitude, a da fotografíaestá nos 4 cm.

 

  O insecto adulto ten unha lonxitude total, dende o extremo da "trompa" ata o extremo posterior, duns 35 mm. A "trompa" mide 10 mm de lonxitude, o pronoto 10 mm tamén e o abdome, 15 mm. O ancho é duns 10 mm.

Cápsula construída con fibras de palmeira, onde vai permanecer en estado de pupa ata a súa transformación en insecto adulto, fase que dura unhas tres semanas. O diámeto interior da cápsula é duns 16 mm, mentre que as medidas do exterior da mesma, moi semellante a unha croqueta, é duns 65 mm de longo por 30 mm de diámetro.

    Nunha mesma palmeira, os insectos coexisten nos seus catro estados: ovos, larvas, pupas e imagos (insectos adultos).

 

     "O Picudo vermello asedia o Baixo Miño” podería ser un deses titulares que causan a alerta en canto se leen. Pero o feito é, que  tras a primeira localización do Picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus (Olivier, 1790)) en Galicia a comezos do 2013 no concello de Gondomar, e que un ano despois, en febreiro de 2014 déramos conta da súa presenza en Nigrán, vimos de detectar á especie nas veciñas localidade portuguesas de Vila Praia de Âncora e Seixas, ámbalas dúas feligresías do termo municipal de Caminha.

     O pasado 29 de marzo, un equipo formado por un membro de ANABAM e un colaborador habitual da asociación, desprazáronse ata a veciña localidade de Vila Praia de Âncora para continuar coas tarefas de seguimento da Píllara das dunas (Charadrius alexandrinus) nas praias do norte luso. De camiño á Praia da Gelfa, unha palmeira con claros síntomas de ter sido atacada polo Picudo vermello chamou a atención dos colaboradores.

       O 6 de abril observamos en Seixas  dúas palmeiras afectadas e, moi probablemente. non tarde en haber bastantes máis, dado que en toda a franxa que vai dende Âncora ata Vila Nova de Cerveira hai un bo número de palmeiras. Dado que non se tomaron medidas por parte da administración portuguesa para eliminar estes exemplares afectados (a pesar de que nun establecemento da feligresía de San Pedro da Torre observamos un edicto sobre este insecto), tal vez non tardemos demasiado tempo en que cheguen a este lado do Miño. 

    Estas observacións constitúen as primeiras citas que temos da presenza deste insecto no Baixo Miño portugués, e todo parece indicar que o avance desta especie, logo do exposto máis arriba, vai ser imparable. Lembremos que os adultos de picudo vermello poden desprazarse ata 5 km voando, o que lles facilita a colonización de novas áreas. En pouco tempo, as larvas acaban coa vida das palmeiras infestadas e, cando isto acontece, xa coma adultos, van na procura de novos hóspedes. Non estaría de máis que as autoridades do veciño municipio de Caminha xestionaran o antes posible a eliminación das palmeiras danadas para evitar, ou no seu caso, retardar, a proliferación do picudo. 

 

O PICUDO XA CHEGOU A ÂNCORA E A SEIXAS

Texto : Agustín Ferreira Lorenzo
Noé Ferreira Rodríguez

05/05/2014

Localización da palmeira atacada por picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) nas proximidades da Praia da Gelfa (Portugal).
 
 (Fotografía: Noé Ferreira Rodríguez)

 

 Palmeira atacada por picudo vermello (Rhynchophorus ferrugineus) nunha propiedade particular en Vila Praia de Âncora. Fotografía: Noé Ferreira Rodríguez-ANABAM.

 (Fotografía: Noé Ferreira Rodríguez)

 

 

     O número de palmeiras afectadas polo picudo no Baixo Miño vai en aumento. Na maior parte dos casos os propietarios das mesmas non toman medidas nin cando estas están afectadas ou se observan os primeiros síntomas. Hai varias razóns para iso: descoñecemento do dano real que o picudo realiza; falta de interese en combater a praga, medidas de erradicación relativamente caras e medidas de prevención tamén caras.

    Non podemos culpar en absoluto aos propietarios por non tomar medidas para evitar a propagación dos insectos que orixinan o dano na palmeira, porque, por exemplo, eliminar unha palmeira afectada resulta bastante caro para o propietario. Habería que preguntarse por que , no caso das avespas asiáticas a Administración autonómica toma cartas no asunto contratando a unha empresa que se ocupe da destrución dos niños e, no caso das palmeiras, se limitan a un folleto onde se di o protocolo a seguir.

    Segundo unha primeira observación que realizamos en dous grupos de picudos correspondentes a dúas datas e lugares diferentes, un dos grupos formado por catro individuos e outro por 22 individuos, véxase fotografía da esquerda, e a falla de recoller máis información, parece que o número de femias é moitísimo maior que o dos machos, así na primeira das observacións efectuadas, dos catro exemplares, tres era femias e un macho e na segunda, 18 individuos eran femias e soamente 4 machos.

               

RECOLLENDO DATOS DO PICUDO VERMELLO E DAS PALMEIRAS AFECTADAS

Texto e fotos : Agustín Ferreira Lorenzo
 
24/02/2016
O dimorfismo sexual entre machos e femias é moi patentepatente: o macho presenta uns peliños na parte superior da trompa mentres que a femia carece deles. A trompa do macho adoita ser máis curta que a da femia, a desta mide uns 11 mm e a do macho entre 8 e 10 mm. A disposición das antenas atópase formando ángulo: o escapo ten unha lonxitude semellante ao flaxelo.
Esquerda. cápsulas feitas pola larva do picudo a partir das fibras da palmeira. Teñen ata 6 cm de longo e 3 cm de diámetro. A larva permanecerá no seu interior uns 45 días, onde vai transformándose ata chegar a imago, ou sexa, individuo adulto coa capacidade de se reproducir.
   Arriba, larvas de picudo vermello de diferentes tamaños, recollidas nunha palmeira afectada. Larvas, cápsulas e adultos conviven no tempo na mesma palmeira namentres esta poda seguir subministrando alimento.
 
   Estas foron recollidas no mes de novembro onde a actividade deste insecto debería estar baixo mínimos, pero como puidemos observar, seguen cun dinamismo frenético e isto débese á excelente temperatura, impropias desta época, que está habendo. Entre 20º e 25º é a temperatura óptima para favorecer a súa acción, xustamente o que estamos tendo, pero aínda baixando un par de graos esta temperatura ou chegando mesmo aos 30º, o picudo diminuirá a súa actividade pero continúa exercendo a súa letal acción e, mesmo, desprazándose a outras palmeiras.

       Cadrículas onde se recollen os datos de palmeiras afectadas na comarca do Baixo Miño. Con respecto ao mes anterior, p número de cadrículas aumentou en 9, pasando das 14 ás 23 na actualidade (15/11/2015).

 (Datos aportados por Agustín Ferreira Lorenzo e Ricardo da Silva Diz, ámbolos dous membros do Grupo de Traballo de ANABAM).

 

Portada    Biodiversidade   Fauna   Coleópteros    Carábidos