PALMEIRAS NA GUARDA
2014: Palmeiras na Guarda............313
 
2017: Palmeiras na Guarda............70
 
2018: Palmeiras na Guarda............31
 
 
282 palmeiras danadas en catro anos
 
 4 palmeiras "históricas" destruídas.
CATRO ANOS DO PICUDO
Texto e fotos: Agustín Ferreira Lorenzo
 
Actualización: 30-11-2018
          O picudo vermello, ou escarevello das palmeiras (Rhynchophorus ferrugineus), chega á Guarda no ano 2014. A entrada ao Baixo Miño puido producirse a través da fronteira portuguesa, xa que ao longo da estrada EN 13 entre Valença e Afife, foi onde observamos os primeiros exemplares afectados no Baixo Miño galego-portugués.
 
     Na Guarda, as primeiras palmeiras atacadas polo escaravello detéctanse a carón dun parque infantil existente fronte ao Convento San Benito, no barrio mariñeiro, así como noutra palmeira na parroquia de Camposancos, no lugar coñecido popularmente como "o transformador". A partir de entón, o número de palmeiras que sufren danos polo picudo vai en aumento, como comprobamos a través deste traballo de campo desenvolvido dende o ano 2014 ata o ano 2018.
Palmeira do "transformador" en Camposancos, fotografía de setembro de 2014.
PALMEIRAS NA GUARDA
        Tal e como aparece reflectido na táboa superior, no ano 2014, isto é, antes da chegada do picudo vermello, había na Guarda 313 palmeiras da especie Phoenix canariensis, palmeira de Canarias, que se repartían polas tres parroquias, sendo a de Salcidos a que maior número delas tiña. Nembargantes, no trienio 2014/2017, o picudo actúa letalmente na inmensa maioría cun resultado tan drástico na poboación local que o número delas reduciuse a tan só 70 exemplares, dos que 9 estaban afectados tamén. Por si a caída en picado non fose suficiente, un ano despois o número de exemplares volveuse reducir, de tal xeito que o censo que realizamos de setembro a novembro de 2018 deu como resultado un novo descenso que supuxo o 50% das palmeiras que había un ano antes.
 
     En conclusión, a finais de 2018, 282 palmeiras foron danadas irreversiblemente polo escaravello e dúas máis atópanse seriamente afectadas.
 
     Estimamos que dentro de dous anos,  para o 2020, o número de palmeiras na vila da Guarda non superará a ducia de exemplares no mellor dos casos.
    Á esquerda, circuliños verdes, palmeiras que había na Guarda antes da chegada do picudo no ano 2014. Á dereita, circuliños amarelos, palmeiras que quedaban catro anos despois da chegada do escaravello, finais de 2018.
AS PALMEIRAS "HIS´TÓRICAS" NON AGUANTARON
        Pódese afirmar que na Guarda en particular, e no entorno do Baixo Miño en xeral, as palmeiras en si mesmas non teñen valor ecolóxico algún, sendo unicamente elementos ornamentais de xardinería. Agora ben, punto e aparte merecen aquelas que podemos denominar "históricas", as que teñen preto de cen anos e que forman parte do patrimonio cultural, xa que son elementos moi relacionados coa emigración a América. Na Guarda tiñamos catro destas palmeiras:
 
     -Dúas no Castelo de San Cruz.
     -Unha na Alameda.
     -Unha na finca de César Vicente
 
     Lamentablemente, ningunha delas resistiu ao ataque do escaravello e hoxe non son máis que un recordo cuxo testimonio soamente veremos xa nas fotografías.
Palmeira "histórica" da Alameda da Guarda que foi danada polo picudo no ano 2017.
No Castelo de Santa Cruz contabamos con dúas das catro palmeiras "históricas" das que había na Guarda. Á esquerda a primeira das que sufriu o ataque do picudo, (2015). A da dereita aínda se mantiña en bo estado, pero o escaravello posiblemente xa estaba no seu interior. Fotografía de setembro do 2016.
Finca de César Vicente, no Coruto. A palmeira da esquerda é unha das "históricas" que había na Guarda. Ningunha das palmeiras que había nesta finca conseguiu librarse do picudo. Hoxe só quedan en pé os troncos das mesmas. Fotografía do ano 2009.
As palmeiras "históricas" da Alameda e da finca de César Vicente
eran utilizadas polas cotorras de Arxentina (Monachus) como durmideiros, lugar de nidificación e tamén como zona de dscanso. Tiñamos esperanzas de que a presenza destas aves puideran frear o avance do picudo, pero desgrazadamente non foi así.
Tal e como levamos visto o picudo vermello diezmou totalmente ás palmeiras de Canarias, isto non quere dicir que non afecte ás demais especies de palmáceas, senón que, ao ser máis numerosas aquelas, a infectación resultou moito máis doada. Na Alameda da Guarda temos un único exemplar doutra especie, a palmeira datileira (Phoenix dactyilifera). Das observacións que temos feito sobre a mesma, danos a impresión de que o picudo aínda non se cebou nela. Dado que este tipo de palmeiras son das máis escasas que temos, non só na Guarda, senón no Baixo Miño en xeral, convería prestarlle unha atención especial e evitar que o escaravello acabe con ela, polo que esperamos que no Concello tomen medidas preventivas para que non pase o que aconteceo coas históricas que dependían da administración local.
         Este é un resumo dun traballo de campo sobre as palmeiras da Guarda realizado polo autor deste artigo. Nel ponse de manifesto os efectos do picudo vermello que diezmou en catro anos a poboación de palmeiras guardesas. O traballo completo pode descargarse pulsando no seguinte enlace PALMEIRAS PDF.
Portada
Picudo vermello