ANDORIÑA DÁURICA NO BAIXO MIÑO - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

ANDORIÑA DÁURICA NO BAIXO MIÑO

BIODIVERSIDADE > FAUNA > PROXECTO ANDORIÑA
Ir a..........Envío de datos
COORDINACIÓN:
    -Agustín Ferreira Lorenzo
GRUPO TRABALLO:
    -Luis Dorado Senra
    -Agustín Ferreira Lorenzo


Texto: Agustín Ferreira Lorenzo
Corrección: Manuel Á. Pombal Diego

    Os primeiros rexistros da presencia de niños de andoriña dáurica no Baixo Miño datan do ano 2005, onde case que de xeito simultáneo, eran observados un en Goián (Tomiño) (ANABAM)* e outro en Rebordáns (Tui) (información facilitada polo Axente de Medio Ambiente, Emilio Alonso Gómez), a escasos metros do cruce que conduce a Guillarei, baixo unha ponte da autovía.

    No ano 2006, Luis Dorado e Agustín Ferreira, localizaban un novo niño, neste caso no interior dunha marquesiña situada na parcelaria, no lugar dos Pedregales (Tomiño), a menos de dous metros de altura. No seu interior observamos un niño de carrizo (Troglodytes troglodytes).

    No mes de agosto do ano 2007, os membros de ANABAM, Luis Dorado Senra e Agustín Ferreira Lorenzo, realizaron unha visita ao niño de Goián. Puido comprobarse que nese ano non fora ocupado, atopándose parcialmente destruído polo paso do tempo.

    Tamén nese mesmo verán do 2007, os membros de ANABAM levamos a cabo unha visita a Rebordáns, onde fora observado o niño dous anos antes, comprobando que o mesmo estaba activo, confirmando este dato tamén o axente Emilio Alonso.

    Nese 2007, o mesmo axente facilitábanos unha nova cita doutro niño, nas proximidades da capela de Nosa Señora do Camiño, tamén en Rebordáns.

    No ano 2012 membros de ANABAM rexistraban o primeiro niño nun núcleo urbano baixomiñoto, concretamente nun dos edificios próximos ao aparcamento existente detrás da Área Panorámica (Tui).

    Tamén, nese ano 2012, era rexistrado outro niño en Fornelos (O Rosal) por Luis Dorado Senra.
     E xa, neste ano 2019, observábamos xuvenís no aparcamento do antigo ferri de Goián (Agustín Ferreira L. e Araceli Ozores P.). Igualmente eran observados exemplares xuvenís na zona de Couselo (Martha Garden).

   Tamén, neste 2019, na entrada á prazoleta da Guía (A Guarda), cando está a piques de rematar o verán, descubriamos (Agustín Ferreira L.) o primeiro niño, e ata agora único, existente no núcleo urbano guardés, observando ata tres exemplares voando, dous deles -probablemente os proxenitores- entraban e saían cada certo tempo do niño. Tamén comprobamos que no interior había, polo menos, un exemplar.

    Probablemente a expansión da andoriña dáurica produciuse de norte a sur, seguindo un desprazamento paralelo ao río Miño.

    * Este niño localizouse grazas á campaña de protección da andoriña de cu branco (Delichon urbicum) que iniciara nese ano ANABAM. Miguel Fernández (propietario da vivenda onde se localizou o niño) e Antonio Martínez (da Guarda) informábannos da presenza dun da citada andoriña, porén, ao recabar novos datos, decatámonos que non se trataba da citada especie,  inclinándonos, máis ben,  pola andoriña dáurica. Dato que confirmamos cando nos achegamos ata a vivenda.


Os niños da andoriña dáurica caracterízanse por ter unha entrada cun túnel que pode ser bastante curto ou largo. Teñen forma de "igloo" invertido.
Regreso al contenido