Potomida littoralis - Asociación Naturalista "Baixo Miño" (ANABAM)

ANABAM
Apdo 59 (Calvario, 44-baixo) 36780-A Guarda (Po) Móbil-WhasApp: 61 61 80 557 Correo electrónico: anabam.anabam.@gmail.com
ANABAM
Vaya al Contenido

Potomida littoralis

BIODIVERSIDADE > FAUNA > MOLUSCOS DE AUGA DOCE
Texto e fotos: Noé Ferreira Rodríguez
10-12-2014
    O mexillón de río ou náiade, Potomida littoralis, é unha das náiades que aínda podemos atopar con relativa frecuencia nos cursos de auga doce de Galicia e, polo de agora, tamén no Baixo Miño. A localización desta especie no Río Miño responde a puntos localizados se ben pode chegar a alcanzar grandes densidades.

    Morfoloxicamente diferénciase claramente das outras especies de náiades presentes na comarca (por exemplo de Unio delphinus ou Anodonta cygnea) por presentar unha concha sólida de cor escura e contorno redondeado de ata 8 cm de lonxitude.

Distribución de Potomida littoralis na Península Ibérica. Adaptado de: Atlas y
libro rojo de los invertebrados amenazados de España (II): 1036-1051.
    A especie pode tardar ata 10 anos en reproducirse e o gloquidio (fase larvaria das náiades parasita de peixes) ten como hospedadores ao xénero Barbus e posiblemente Chondrostoma (coñecidas comunmente  como bogas).

   Os traballos realizados polo socio de ANABAM, eminencia mundial no mundo da malacoloxía, Emilio Rolán Mosquera, así como os de Rafael Araujo, do Museo de Ciencias Naturais do CSIC, sinalan que a especie se atopa en regresión en toda Galicia. No ano 1991 a especie foi citada no Baixo Miño, na zona de Eiras, Goián e Tui ata Salvaterra de Miño onde o investigador Araujo citouna no ano 2002.

Exemplares de Potomida littoralis recollidos no tramo medio do Río Miño.
Fotografía: Noé Ferreira-Rodríguez (ANABAM).
    Recentes visitas efectuadas polo autor deste artigo confirman que aínda poden ser atopados exemplares no tramo baixo do Miño ao seu paso por Goián e Vila Nova de Cerveira. Así mesmo, campañas de mergullo efectuadas na compaña de Ronaldo Sousa, investigador da Universidade do Minho, e unha das persoas que mellor coñece a situación actual dos moluscos no esteiro do Miño, permitiron confirmar a súa presenza no tramo de río comprendido entre a localidade galega de Salvaterra de Miño e a portuguesa de Monçao.

   Moitas das poboacións desta especie están ao borde da súa desaparición pola perda da calidade da auga (por exemplo por eutrofización), pola contaminación, a alteración do hábitat modificando as canles dos ríos e a construción de embalses ademais doutras alteracións que motivaron a catalogación desta especie como Vulnerable no “Atlas y Libro Rojo de los Invertebrados Amenazados de España.
REFEREENCIAS
Rolán, E. 1998. Evolución de la situación actual de las especies de moluscos de agua dulce existentes en el tramo del río Miño de Goián-Eiras (Galicia, NO España). Thalassas, 14: 99-103.
Araujo, R. Atlas y Libro Rojo de los Invertebrados Amenazados de España (Especies Vulnerables). Vol: II.
Regreso al contenido